Os músicos Pablo Seoane e Macarena Montesinos levan un mes facendo Exercicios sonoros de cartografía inversa na Cidade da Cultura grazas ás axudas REGA. O seu obxectivo é desenvolver unha nova forma de ler os mapas, as cartas náuticas, para traducilas á linguaxe musical. “Quen le unha carta náutica está seguindo unhas instrucións para iniciar un desenvolvemento temporal, que é basicamente o que fai un músico cando le unha partitura” explica Seoane. Ambos inician unha viaxe, aínda que o intérprete non se mova do lugar.
Empregar outro tipo de materiais para compoñer máis aló do pentagrama clásico é algo que se vén facendo desde comezos do século XX na música occidental, aínda que non sexa común. Tamén é unha liña de investigación común na que Seoane e Montesinos levan tempo traballando, aplicando técnicas de lectura non convencionais e incorporando elementos gráficos e plásticos para explorar as conexións da música con outras disciplinas. A elección, nesta ocasión, das cartas náuticas como material base, responde á oportunidade de poder acceder á extensa colección de mapas que se conservan no Galiciana, a Biblioteca dixital de Galicia.
Neste arquivo xestionado pola Biblioteca e Arquivo de Galicia hai documentos do litoral galego desde o século XVII aos nosos días, un material de partida moi interesante pola súa riqueza desde o punto de vista normativo e polo seu “potentísimo poderío literario, poético e plástico”, afirma Seoane. “A rosa dos ventos, as propias naves e naufraxios, os astros, as mareas... as cartas náuticas están repletas de elementos cun potencial metafórico tremendo”.
Coordenadas cromáticas e profundidades harmónicas
Para navegar musicalmente, é necesario buscar a cada un destes elementos o seu equivalente sonoro. Por exemplo, as coordenadas numéricas equivalen a notas na escala cromática, a profundidade mariña asociárona co espesor harmónico, cada marea correspóndese cun tipo de dinámica...”Imaxina a cantidade de matices intensidade, velocidade, emocionais, afectivos, que hai no mar. Hai unha riqueza tremenda perfectamente traducible aos matices musicais”, engade o compositor e pianista.

Todo este traballo recóllese nun «Manual sonoro de cartografía inversa» que entregarán ao público asistente á presentación final do proxecto este venres 22 de novembro, durante a cal interpretarán tamén unha pequena peza que percorre a costa e a Ría de Ferrol. Á hora de tocar, no seu traballo pesa tamén moito o experimental. Do mesmo xeito que cando se navega non hai que mirar só o mapa, senón tamén o mar e o ceo, as súas son partituras abertas para deixar espazo para a improvisación.
“Dependendo de quen interprete cada itinerario tamén poderán xurdir moitísimos tipos de música”, aclara Montesinos. O manual, editado inicialmente como un fanzine, será como un libro de música para ler cartas náuticas. “Nós confeccionamos todas esas lendas para que calquera poida facer a súa propia ruta. E despois, dependendo de cada mariñeiro, pois tirará para un tipo de música ou de estilo”.
Piano, violoncello e a rosa dos ventos
A de Montesinos e Seoane será unha interpretación con piano, violoncello e técnicas estendidas empregadas na música contemporánea que modifican o son orixinal dos instrumentos. Papeis, imáns, piano preparado... son artefactos que decidiron incorporar na composición para dar visibilidade a un tema “desafortunadamente moi imporante hoxe, que é a cantidade de lixo que hai no mar”, afirma Seoane. O que nos manuais de navegación aparece como “fondo sucio”, un elemento de risco ou obstrución á navegación que pode estar causado por elementos naturais pero tamén por plásticos.
No aspecto artístico, área na que Montesinos ten máis experiencia pola súa formación e traxectoria, están a traballar na confección dunha rosa dos ventos, elemento fundamental en todas as cartas náuticas do mundo, que lles gustaría tivese unha presenza importante “e incluso interactiva”, apunta Seoane, durante a interpretación. Non están seguros, por falta de tempo, de poder chegar tan lonxe, pero si acompañarán o concerto dun mapa de grande formato no que trasladarán os eventos sonoros da ruta. Deste xeito, quen teña o manual en papel e se enfronte con este mapa-partitura será quen de entender mellor o que está escoitando.
