«Se Fernando Pessoa vivise agora imaxino que seriamos 'best friends' e cantariamos xuntas»

Sergio Marey está a tecer coas axudas REGA unha manta transfronteiriza entre Galicia e Portugal que conecta a súa biografía persoal e creativa coa do escritor Fernando Pessoa. Unha idea que nace dunha obsesión co país veciño e co autor portugués, e da fortuna de atopar, nunha libraría de vello en Lisboa, un libro que analizaba a disidencia de xénero na obra do poeta. Tirando dese fío, de semellanzas entre textos —”atopei un poema del que é literalmente un poema meu, iso chocoume moitísimo”—, de conexións vitais e de obxectos que tiña na súa casa da montaña lucense, Marey foi extraendo vínculos a partir dos que articular Deus te livre, unha obra que conxuga a instalación artística e a performance para reflexionar sobre as representacións LGTBI+.

Nas pezas que conecta entre si Deus te livre atopamos fío de atar os chourizos, lá sen tecer, soños, cantos de cego, textos que asemellan oracións, ex votos de Fátima, o son da zanfona e o canto alentejano que alentaba os traballos de labranza ou os momentos de ocio en comunidade.

En todos estes elementos hai pegadas de Marey e de Pessoa, de Galicia e Portugal. “Todo o meu traballo creativo ten sempre a ver coa miña realidade como persoa non binaria e coa miña realidade como persoa do rural, como galega”, afirma. Volvendo sobre a obra do poeta, Marey atopou “moitas referencias ao seu cuestionamento como home e á súa posibilidade de ter outra realidade. Empecei entón a indagar se a miña obsesión con Portugal tiña tamén algo a ver con esta obsesión con Pessoa e co meu xeito de estar no mundo como persoa non binaria”.

Deus te livre de Sergio Marey

Repensar a Pessoa

A idea de facer unha manta vén pola importancia da tradición do téxtil a ambos lados do Miño. Das tecedeiras de liño luguesas, aos seus estudos de moda, da casualidade de que a praza onde se criou fose a de Viana do Castelo, cidade lusa coñecida precisamente polo Museu do Traje. “Son conexións que a veces parecen sen xeito, pero que tiran de min por algo”, explica.

Todas elas toman forma a través da manta que na presentación pública do proxecto na Cidade da Cultura irá acompañada da performance audiovisual. A parte performativa da peza relaciónase co rito, con reformular a través do cerimonial a veneración que Marey (e público) senten polo poeta coa idea de repensar a persoa que podería ser Pessoa. “Se vivise agora imaxino que seriamos best friends e cantariamos xuntas”, comenta cun sorriso.

Unha virada en positivo para a tristura

Deus te livre é unha obra construída “en positivo dentro da tristeza”. Marey considérase “artista triste por excelencia” pero sempre busca virala, dalgún xeito, para extraer dela ideas para un presente e un futuro máis conciliador. Incluso á hora de analizar elementos da realidade que son duros ou crueis, como cando creou o Cruceiro a santa Librada e demáis mártires disidentes, monumento sobre a violencia contra as persoas LGTBI+ co que gañou en 2023 o premio do Auditorio de Galicia para Artistas Noveis, o seu obxectivo era darlle visibilidade pero tamén crear un pensamento de loita ao redor do tema.

Deus te livre de Sergio Marey

Esa idea está tamén na súa reivindicación do rural. “Creo que no rural tamén hai unha posibilidade de ser e non acabamos de velo como un espazo de liberdade”, sostén. Así foi como o viviu desde a súa infancia na montaña lucense. “Hai un sentido tan grande de comunidade que é o que me permitiu estar do xeito no que eu son: unha persoa non binaria, vestindo saia, xogando con bonecas... non houbo unha crítica nin rexeitamento á miña persoa, que pola contra si vivín en Lugo, na Coruña e en Madrid”, relata.

Sobre a residencia, destaca, ademais da comodidade do espazo, o apoio que está a recibir do persoal técnico da Cidade da Cultura, “sempre buscando resolver problemas” e moi especialmente o traballo co seu mentor, Edu Valiña, con quen conseguiu darlle a cohesión definitiva á instalación coa parte performativa da obra. “As dúas somos de Lugo, que iso xa é un vínculo grande, e o traballo de Edu penso que tamén se asemella ao meu. É un traballo desde o rural, ese xogo un pouco irónico pero tamén de reivindicación”.

Santiago de Compostela, 11 de Novembro de 2024