Atardecer no Gaiás: a banda sonora do teu verán

Este verán desexarás que se poña o sol porque a Cidade da Cultura  volve poñerlle banda sonora. Electrónica, pop, rock, funk, hip hop, folk, punk, clásica… Do 4 de xullo ao 31 de agosto, a praza exterior do Gaiás transfórmase no escenario perfecto para gozar de actuacións íntimas e de pequeno formato a través do ciclo Atardecer no Gaiás.

Todos os xoves, venres e sábados de verán a partir das 21:00 horas, a Cidade da Cultura acollerá un total de 25 actuacións totalmente de balde.

Estrea co electro pop de Niagara

A estrea será o xoves 4 de xullo co electro pop de Niágara e rematará o 31 de agosto cun gran concerto final a cargo de Fanfarlo, unha das grandes revelacións musicais do último lustro. Entre mentres, o Gaiás acollerá as máis diferentes voces e ritmos con espectáculos que van desde o post punk de Munich á clásica da Orquestra de Cámara Galega, a poesía con Alberto San Juan, o rockabilly do Doctor Gringo ou a electrónica de bRUNA. 

Cun programa pensado para todos os gustos, Atardecer no Gaiás volverá apostar polo pop e o rock con bandas como Papá Topo, o acústico dos Tachenko ou as versións dos 50 e 60 de The Ladies. Como contrapunto, a Orquestra de Cámara Galega dirixida por Rogelio Groba colaborará un ano máis coa Cidade da Cultura ofrecendo catro atardeceres clásicos: Schubertiada, Atardecer no Atlántico, Atardecer ibérico e Atardecer con Vivaldi.

Galicia estará amplamente representada nesta terceira edición do ciclo con músicos dos máis diversos estilos: desde o post punk de Munich, ao folk indie de Alonso Caxade, o funk-soul de Mama Boogie ou rockabilly de Dr. Gringo e o sabor máis tradicional da man da formación folk Mel de Meiga e a verbena da Orquestra os Modernos.

O cartel de Atardecer no Gaiás apostará tamén polas bandas emerxentes do panorama galego, de forma que o 22 de agosto subiranse ao escenario da praza exterior tres dos finalistas do Xuventude Crea 2012: Nagai, Xenderal e Máquina de  meter medo.

Pola praza exterior do Gaiás pasarán tamén os australianos Scott & Charlene’s Wedding, a guitarra de Daniel Minimalia, a electrónica de bRUNA e dos americanos Beacon e o flamenco fusión de La Negra. Como xa vén sendo habitual, os Atardeceres contarán cunha sesión de poesía que nesta edición estará a cargo do recoñecido actor Alberto San Juan, que estará acompañado á guitarra por Egozcue no espectáculo Todo dice que sí.

O fin de festa terá lugar o 31 de agosto e estará a cargo de Fanfarlo, unha das grandes revelacións musicais do último lustro, que interpretará os temas do seu segundo disco Rooms Filled With Light, considerada unha das grandes obras do folk pop de 2012. 

Bus urbano de volta ás 22:45 horas

Todas as actuacións de Atardecer no Gaiás celebraranse ás 21:00 horas e terán unha duración aproximada dunha hora ou hora e media. Para subir á Cidade da Cultura, o público poderá tomar a liña 9 do autobús urbano, que pasa a cada hora por puntos céntricos de Santiago de Compostela como a rúa Senra ou Virxe da Cerca.

Do mesmo xeito, quen desexe baixar da Cidade da Cultura en urbano terá dispoñible un último autobús ás 22:45, cun percorrido circular (C11) que contará con parada na rúa Xeneral Pardiñas. 

Música & Escena
Santiago de Compostela, 12 de Xuño de 2013