Marzo: mes do teatro na Biblioteca de Galicia

Marzo será o mes de teatro na Biblioteca e Arquivo de Galicia. Aproveitando a celebración do Día Mundial do Teatro, que se conmemora o 27 de Marzo, a Biblioteca de Galicia pon en marcha varias actividades para achegar aos máis pequenos á escena.

A primeira cita terá lugar o sábado 14 de marzo ás 18 horas. Grandes e pequenos poderán gozar, con entrada libre ata completar aforo, da obra de Sarabela Teatro A voar. Baixo a dirección de Fina Calleja, A voar narra a historia de Zoe, unha nena de 9 anos que reconducirá as fantasías máis tolas do seu pai. A voar, unha adaptación da novela Mi padre es un hombre pájaro de David Almond, é unha divertida historia para compartir pais e fillos.

A segunda cita do mes terá lugar o sábado 28 de marzo, cando a Biblioteca e Arquivo de Galicia acolla o obradoiro Lectura dramatizada dun texto teatral. Nenos de 6 a 12 anos poderán participar nesta actividade na que descubrirán as diferenzas que existen entre os textos e a importancia das emocións á hora de interpretar un texto teatral. Valores como a amizade, a convivencia, o respecto ou as relacións aflorarán neste obradoiro que traballa coa deshinbición, a comunicación, a capacidade de observación e a memoria visual a través do xesto corporal.

Lectura dramatizada dun texto teatral arrancará ás 17:30 horas e a entrada é de balde mais é preciso inscribirse previamente. (Os pais non participan na actividade. Nas inscricións só deben figurar os nomes dos nenos).

En familia
Santiago de Compostela, 25 de Febreiro de 2015