Futbolista con alma de pintor: Cheché Martín

A exposición Valor e mestría, que se pode ver desde o pasado 15 de marzo no Museo Centro Gaiás, recupera fitos e personaxes lendarios do noso fútbol e tamén da nosa memoria histórica. Na mostra da Cidade da Cultura descubrirás xogadores atípicos como o galego Cheché Martín, excepcional futbolista con alma de pintor. 

Unha descuberta que xa antes realizou o xornalista Arturo Lezcano (A Coruña, 1974), un dos autores do catálogo desta exposición, no seu libro 'Cheché Martín. Fútbol sobre lenzo' e, de xeito recente, co gallo de Valor e mestría tamén recupera a RTVE de Galicia nunha reportaxe [**Imaxe do blog].

Cheché Martín (A Coruña ,1924-2006)  foi un pioneiro en xogar en ligas estranxeiras, que vestiu as camisetas de equipos como o Deportivo, Barcelona, Atlético de Madrid e Valencia, ademais da Selección, e que compaxinou o seu labor profesional futbolístico coa súa paixón: a pintura. 

Comeza a despuntar no fútbol ao volver a Galicia do exilio na Arxentina, ao que lle obrigou o asasinato en 1936 do seu pai —secretario do Concello da Coruña— a mans do exército golpista de Franco.  Á volta acadou ser xogador internacional co mítico Barça de Kubala e destacou —segundo os seus compañeiros da época— polo seu xogo exquisito e elegante. Mais a súa paixón e refuxio foi sempre a pintura, cun estilo que lembraba a Cézanne e a Gauguin.
 
 
Unha dobre faciana que podedes coñecer ata o 1 de setembro, no Museo Centro Gaiás, con visitas comentadas, de balde, para mergurllarvos en Valor e mestría nesta e noutras historias, non só deportivas senón da biografía de Galicia.
 
 
Santiago de Compostela, 23 de Marzo de 2019