Outubro, mes da Biblioteca de Galicia

A Biblioteca de Galicia será este mes de outubro a protagonista da programación cultural do Gaiás. Con motivo do Día das Bibliotecas, que se celebra o 24 de outubro, a institución cabeceira do sistema de bibliotecas galegas e do patrimonio documental da nosa comunidade pon en marcha un amplo programa de actividades para compartir con todos os cidadáns a súa importancia.

Tras o concerto didáctico do pasado domingo, este sábado -8 de outubro- o Auditorio Xosé Neira Vilas acollerá o obradoiro experimental Cóntamo con música, para o que xa están esgotadas todas as prazas.

E da música ao teatro. Porque a seguinte cita será o sábado 15 de outubro tamén no auditorio da Biblioteca coa obra Onde viven os monstros, unha adaptación teatral do libro de Maurice Sendak, considerado o álbum ilustrado perfecto. A peza, que traza un fiel retrato da infancia, terá lugar ás 18 horas e a entrada é libre ata completar aforo.

Como previa ao Día das Bibliotecas, a institución programa unha nova actividade para gozar en familia: Chrystyan Magic na senda da serpe alada, un espectáculo de animación á lectura baseado no conto do mesmo nome. Da chistera do gran Chrystyan volverán saír ducias de xogos de ilusionismo que revivirán as aventuras do seu protagonista. Será o sábado 22 ás 18 horas e a entrada tamén é libre ata completar aforo.

E o 24 de outubro, a Biblioteca de Galicia abrirá as súas portas para que todo aquel que o desexe poida descubrir os segredos que agocha esta institución. Será a través dunha visita guiada, que terá lugar ás 12 horas e que se prolongará durante 90 minutos. A visita é de balde mais precisa inscrición previa no teléfono 981 544 422. Xunto con esta actividade, a Biblioteca de Galicia celebrará durante toda a xornada a iniciativa Elixe o teu libro, coa que agasallará cunha obra a cada persoa que visite a institución.

Para finalizar o mes, a Biblioteca de Galicia acolle un obradoiro co que celebrar o centenario de Camilo José Cela.  Pensado para nenos de 6 a 12 anos, o taller literario e plástico traballará coa novela La colmena, na que Cela retrata a realidade social dunha época da historia española caracterizada pola miseria, polos seus contrastes, pola súa frustación e incerteza propias da posguerra. A actividade terá lugar o 29 de outubro ás 17:30 horas e ten entrada de balde previa inscrición no web

En familia
Santiago de Compostela, 04 de Outubro de 2016
Día das Bibliotecas