Galicia-Orinoco: viaxe a través dos ríos

Ten unha lonxitude de 2140 quilómetros, a superficie da súa conca –compartida por Venezuela e por Colombia- supera o millón de quilómetros cadrados e conta cun caudal anual medio de 39.000 metros cúbicos por segundo. Trátase do maxestuoso río Orinoco, unha auténtica fonte de vida para a súa poboación e a súa contorna natural.

El será o protagonista dunha nova conferencia de Descubrindo o Orinoco con…, que terá lugar este martes, 5 de novembro, ás 18:00 horas. A xeografía,  o clima, a rede hidrográfica e a relación entre o patrimonio fluvial e os modos de vida da conca do Orinoco e Galicia serán os temas centrais dunha dobre conferencia que terá como protagonistas a Fernando Cobo Grandín e Alejandro de Arce.

“Neste recanto noroeste da Península Ibérica, a súa rede hidrográfica é o trazo máis expresivo da paisaxe, moldea as terras interiores e é a responsable da particular conformación da liña de costa. Non obstante, neste ámbito, que transcende o xeográfico e conecta directamente coa riqueza patrimonial, cultural e biolóxica, Galicia permítese a extravagante incongruencia de ser un país eminentemente fluvial que non ten conciencia de selo. O concepto básico para identificar a inmesa rexión da Orinoquía é a conca hidrográfica do río, que crea unha identidade rexional plena, a pesar da extraordinaria diversidade da súa xeoloxía e bioxeografía”. Esta será a base do relatorio de Fernando Cobo Grandín, profesor titular de Zooloxía da Universidade de Santiago e director da Estación Hidrobiolóxica do Con en Vilagarcía. A Orinoquia e Galicia. Contrastes e semellanzas da súa rede fluvial será o título dunha conferencia na que a selva venezolana estará máis preto e máis lonxe ca nunca.

Tras este primeiro achegamento, Alejandro de Arce -coordinador de proxectos culturais e expositivos e encargado da coordinación e asesoría artística da sección galega da exposición Orinoco. Viaxe a un mundo perdido- disertará sobre Os modos de vida na Galicia fluvial, na que o medio se presenta como condicionante da paisaxe cultural e social. Ríos como medios naturais de comunicación, como barreira/frontera e como modo de vida.

Como todas as conferencias de Descubrindo o Orinoco con…, a deste martes ten entrada libre mais é recomendable reservar praza.

 

Letras & Pensamento
Santiago de Compostela, 04 de Novembro de 2013