Que facer en Santiago de Compostela: visita a Cidade da Cultura

Visita a Cidade da Cultura

O inverno tamén se presta a escapadas, desas de acougo e visitas devagar das que temos o resto do ano moi pendentes. Se estás a argallar que facer na túa visita a Santiago de Compostela, hai unha excursión que resulta imprescindible: a da Cidade da Cultura de Galicia. O complexo deseñado por Peter Eisenman é dos exemplos máis sorprendentes da arquitectura contemporánea. Pero non só. Arte, cultura, natureza, lecer e gastronomía danse cita nesta cidade única. Para que non perdas nada, aquí che deixamos unha pequena guía para gozar de todas as posibilidades da Cidade da Cultura.

Bóla de libros. Unha enorme esfera de libros recibe o/a visitante na Cidade da Cultura. Trátase de Singularidade, unha obra da recoñecida artista visual Alicia Martín. Aínda que se instalou en calidade de obra temporal, hoxe é un símbolo e foto imprescindible para calquera persoa que se achegue ao Gaiás. 

O Gaiás en maqueta. No Museo Centro Gaiás, no andar 0, convidámoste á descuberta dos proxectos ideados para a Cidade da Cultura, con maquetas, planos e explicacións de arquitectos como Jean Nouvel, Rem Koolhass, Ricardo Bofill, Manuel Gallego Jorreto e, por suposto, Peter Eisenman.

Biblioteca e Arquivo de Galicia. É o momento de entrar no edificio da Biblioteca e Arquivo de Galicia. Ademais de marabillarte coa súa sala de lectura, podedes aproveitar para visitar algunha das exposicións temporais realizadas cos fondos propios das institucións que alberga. 

Visita a Cidade da Cultura

Descubre as Torres Hejduk. Visita obrigada son as Torres Hejduk. Foron as primeiras pezas que se alzaron na Cidade da Cultura e as únicas que non pertencen a Eisenman, senón ao arquitecto John Hejduk, que as concibiu como torres botánicas para o parque de Belvís. Soe acoller intervencións artísticas, a última (clausurada o 15 de decembro) foi a intervención gañadora do Concurso que se convoca cada edición no Encontro de Artitas Novos (#EAN). Da última convocatoria, resultou gañadora, Stay Here, do sevillano Alejandro Ginés. Deste xeito, puido verse unha peza escultórica, a modo de torre coroada por unha cadeira pregada, que converteu as edificacións ideadas por John Hejduk —e construídas por Peter Eisenman no Gaiás a modo de homenaxe— nunha especie de enxeñosa matrioska, que convidaba á participación de quen a vía, tanto no seu posible manexo como nas súas múltiples lecturas; ambición, o poder, estatus social, toma de decisións de arriba a abaixo...

Tocando o ceo na Praza central. Non podes marchar da Cidade da Cultura sen tentar ‘escalar’ a rampa do edificio da Biblioteca e Arquivo de Galicia, á que se accede desde a gran praza central. É como tocar o ceo. Iso si, coidadiño ao baixar. Ademais, nos meses de verán, ao solpor, acolle os concertos ao aire libre de Atardecer no Gaiás. Entrada libre e de balde, a partir das 21 horas, os xoves, venres e sábado dos meses de xullo e agosto.

Merecido descanso na Cantina. Estás canso/a? Precisas dun café? Ou algo para comer? A Cantina da Cidade da Cultura é o espazo ideal para facer unha pausa. A Cantina conta con dous galardóns nos prestixiosos premios Restaurant & Bar Design, cos que se recoñece ao restaurante mellor deseñado en todo o mundo e ten servizo de cafetería en horario ininterrompido, ademais dunha pequena carta e un completo menú do día.

Un paseo literario. Tras repoñer forzas, achégate ao corazón da Cidade da Cultura e goza dun paseo polo Xardín Literario, un espazo verde dedicado aos escritores e poetas galegos. Sendas que discorren entre versos de Pondal ou Cunqueiro, fermosas vistas a Compostela e un pequeno lago. 

Que facer en Santiago: visita a Cidade da Cultura

Museo Centro Gaiás.  Seis anos en activo co que xa ten consolidado un espazo referente a nivel expositivo en Santiago de Compostela e tamén Galicia.  Ata o 12 de abril podes ver Galicia, un relato no mundo, que trae por vez primeira a Galicia destacadas pezas de alto valor simbólico para a historia e a cultura do noso país e que se atopan en prestixiosas coleccións museísticas en distintos recantos do mundo. O público galego terá así a oportunidade única de contemplar nunha mesma mostra obras procedentes de institucións de referencia como a Cambridge University- Parker Library, as Bibliotecas Bodleian da Universidade de Oxford, o Museo do Prado, a Biblioteca Apostólica Vaticana, a Biblioteca de Arezzo en Italia ou o Museu Nacional de Arqueologia de Portugal. Trátase da primeira grande exposición da Xunta de Galicia para a programación do Xacobeo'21.

Lecer e deportes urbanos no Xardín do Teatro. Se tras saír do Museo Centro Gaiás, o que che volve prestar son as ganas dun paseo ou de actividade máis dinámica, contas ben pretiño co Xardín do Teatro. Neste novo espazo verde, de 11.574 metros cadrados, podes pasear entre especies botánicas procedentes de diferentes partes do mundo, ademais atoparaste cun auditorio ao aire libre, estanques, e novas instalacións para practicar deportes urbanos como skate, parkour ou escalada. Unha  área de lecer diferente para gozar tamén da natureza.

Descansa no Parque do Lago. Antes de pensar en marchar, a Cidad da Cultura aínda ten gardada unha última sorpresa: o Parque do Lago. Una extensa zona verde equipada cunha rede de sendeiros pola que pasear, un lago de 4.783 metros cadrados rodeado de vexetación e unha plataforma de madeira ao carón, equipada con áreas de descanso.


Descenso polo Bosque de Galicia. Se aínda quedan forzas, a despedida perfecta da Cidade da Cultura faise a través dos sendeiro do Bosque de Galicia, o novo pulmón verde de Compostela, 34 hectáreas con doce mil árbores de especies autóctonas, no que, desde este mesmo mes de marzo, está a medrar o Bosque do Camiño, con plantacións feitas por peregrinos e peregrinas chegadas desde todas as partes do mundo. Neste nova área verde, paralela á Vía da Prata, que chega a Santiago pola calzada de Sar, estes camiñantes están a deixar a pegada da súa experiencia na paisaxe da capital de Galicia.

Reb/veladas na paisaxe. Desde o pasado ano os espazos naturais da Cidade da Cultura son tamén un lugar para a arte. Neste intre, pódese gozar entre o Xardín Literario e a faldra Oeste do Bosque de Galicia (xusto na cola do Museo Centro Gaiás) de tres intervencións artísticas da segunda edición de Reb/veladas na paisaxe:  

As tres instalacións teñen en común o seu vencello co Camiño de Santiago , xa que forman parte da programación do Xacobeo 2021. Deste xeito, Constelacións II de Clara Montoya ten unha marcada carga simbólica no seu proxecto vinculado coas estrelas, ligadas estreitamente coa historia de Compostela e as Rutas Xacobeas; o mesmo ocorre con (Re)producións (entre o erro e a verdade) de Pablo Barreiro, quen reproduce no Gaiás algúns dos elementos máis icónicos que se poden atopar no Barroco compostelán; mentres que en Deixa os teus medos aquí, de Alicia Framis, se xoga coa idea de punto de fuga e de deixar atrás da peregrinación.

Horarios e buses


  • Apertura ao público da Cidade da Cultura. Luns a Domingo | 8:00 - 23:00 | Permítese o acceso en vehículo privado. Consulta os horarios antes de realizar a túa visita.
  • Conexiones en bus con Santiago. L9 e C11. Consulta as rutas e horarios.

 

Santiago de Compostela, 20 de Marzo de 2017
 
Que facer en Santiago: visita a Cidade da Cultura
Que facer en Santiago: visita a Cidade da Cultura
Que facer en Santiago: visita a Cidade da Cultura
Que facer en Santiago: visita a Cidade da Cultura
Que facer en Santiago: visita a Cidade da Cultura
Que facer en Santiago: visita a Cidade da Cultura
Que facer en Santiago: visita a Cidade da Cultura
Que facer en Santiago: visita a Cidade da Cultura