Referentes na cerámica artística | Pensar coas mans

Se te achegaches xa á exposición Pensar coas mans. Cestería, cerámica e xoiería de Galicia, seguro puideches admirar abraiantes, contundentes ou orixinais obras de arte feitas con cerámica. Na mostra existe unha sección dedicada a elas, xa que esta disciplina artesá comezou na contemporaneidade a xogar coa linguaxe artística, un camiño que non inician tan marcadamente as outras artesanías, que se exhiben na mostra do Museo Centro Gaiás.

Neste camiño aberto na cerámica é moi importante o labor de certas mestras e mestres galegos, cuxas pezas vaste atopar na exposición. Se aínda non pasaches, velaquí unha pequena aportación-guía previa para que coñezas algúns nomes destes mestres/as artísticas cerámicos, que merecen ser enxalzados pola súa relevante aportación non só en Galicia, senón tamén no eido internacional: como Xabier Toubes, mestre en Holanda de figuras tan relevantes como Anish KapoorEmilia Guimeráns, unha auténtica pioneira na influencia da cerámica xaponesa na nova fornada de artesáns e artesás galegas; e o labor de mestrado na cerámica artística dunha terceira xeración de creadores en Galicia, entre os que se atopan Xaime Piñeiro.

En Pensar coas mans  está representada cada unha destas tres xeracións de artistas da cerámica contemporánea galega:

  • Isaac Díaz Pardo, Xavier Toubes e Elena Colmeiro, que son os pioneiros desa expansión de límites da cerámica, e as referencias e intercambios cos artistas vindeiros son constantes
  • Unha segunda xeración representada por autores como Caxigueiro, Emilia Guimeráns ou Miguel Vázquez
  • E unha terceira, na que podemos distinguir dous momentos: unha ponte co anterior como pode ser Suso Dobao  e Xaime Piñeiro e novos creadores como Verónica Pérez, Pablo Barreiro, Iván Prieto  ou Pelucas-Bubbles.

Existen dous grandes referentes galegos para estes artistas como son Sargadelos, coa figura á fronte de Isaac Díaz Pardo e o European Ceramics Work Centre (ECWC) de Holanda, co artista Xavier Toubes á fronte na década dos noventa do pasado século.

A Fábrica de Sargadelos levou a cabo unha importante labor formativa para futuros artesáns organizando cursos, seminarios e encontros. Moitos dos creadores presentes na mostra formaron parte destes programas.

Xavier Toubes

As estadías internacionais e o contacto con Cataluña, pioneira en España nos traballos da cerámica, e o encontro coa arte actual, potenciouse sobre todo coa experiencia que supuxo para moitos deles as estancias no ECWC de Holanda, na etapa que Xavier Toubes foi o seu director. Alí se forxou, sen dúbida, un panorama de arte cerámico que é preciso volver a fomentar e exhibir como parte indispensable da nosa realidade creativa.

O labor de Xavier Toubes na arte cerámica enténdese xa no contexto internacional da arte contemporánea; este artista utiliza a cerámica como materia para a investigación, experimentación e creación. O diálogo entre a forma dos obxectos e a referencia identitaria, antropomorfizando os recipientes, lévanos a cualificar as súas obras como sen parangón na cerámica artística de xeito global.

A súa tarefa como director do ECWC de Holanda entre 1992 e 1999 foi determinante, tanto para el como para os e as artistas que foron chamados polas novas posibilidades da cerámica; alí pasaron etapas de formación e traballo experimental e mutaron a súa produción. Neste período, con Toubes á fronte, o centro foi dotado de novos medios técnicos como xigantes fornos especiais, que fixeron posible a aplicación dos grandes formatos escultóricos na cerámica. As estadías e/ou residencias de creadores contemporáneos favoreceu que o material cerámico pasase a formar parte da obra de artistas moi influíntes no panorama da arte actual, como Tony Cragg ou Anish Kapoor.

As obras de Toubes céntranse en tres grandes grupos: a figura humana, os bodegóns e a paisaxe; aínda que a súa traxectoria comeza cunha valoración das técnicas tradicionais do barro, con clara alusión á terra, á orixe e aos procesos de identidade, o seu labor no ECWC significou unha evidente evolución na súa obra. Este creador ofrece ao longo dos anos 90 grandes formatos escultóricos, rotundos, a medio camiño entre o recipiente e a figura humana, cun tratamento das superficies cerámicas que pasa por cortes, raspados, rugosidades e un uso da policromía intermitente, que vai do branco puro ao uso de esmaltes ou iridiscencias.

A peza que se exhibe na mostra forma parte dunha serie de tres obras, Dust1, 2 e 3, realizadas entre 2002-07, e son froito da volta de Toubes ao ERWC como artista residente. Polvo/Dust 2 volve presentar o referente orgánico e antropomórfico pero abordado dun xeito máis violento, a través do uso da cor e dos ocos perforados na superficie rugosa, deixando atrás o branco. O brillo e a luz seguen protagonizando as súas obras onde un resultado carnal, case sanguento, se une á monumentalidade e á experimentación continua.

Emilia Guimeráns

Artistas dunha segunda xeración galega como Emilia Guimeráns segue a liña  de experimentar amplamente co material cerámico e as novas tecnoloxías aplicadas no ECWC. Non obstante, no caso concreto desta creadora, hai que destacar que o seu contacto coa esencialidade da cerámica xaponesa foi directa e fundamental, pois se formará no Xapón no taller de Ito Atsuko en Sugitami. De todos os xeitos Sargadelos, La Bisbal de Girona, a Fundación Lloréns Artigas ou o traballo como asistente de Yuhki Tanaka no Museo del Cantir de Barcelona formaron parte de formación e traballo que logo traducirá ás súas obras. As súas pezas se exhibiron en lugares como Tokoname, Holanda, CERCO de Zaragoza, con presenza en numerosas bienais e trienais internacionais de cerámica.

A influencia da cerámica xaponesa, que goza dunha idade milenaria, ábrelles as portas aos e ás ceramistas á experimentación co elemento  natural: estampados no barro, uso da cinza, síntese das formas e procura da esencialidade. É este influxo o que provoca eses cambios de rumbo, eses achados na materia que favorecen o xurdimento da peza cerámica artística, tamén no contexto galego.

O labor docente de Emilia Guimeráns na Escola de cerámica de Nigrán inflúe na difusión da cerámica artística e utilitaria, organizando encontros internacionais entre artistas e ceramistas para permitir o intercambio e o coñecemento. Nesa tarefa é importante tamén o seu papel como formadora de novos creadores ou a proximidade e posibilidades que lle ofrece a estes artistas para achegarse á cerámica como material expresivo ou artístico. Difunde tamén a cerámica xaponesa desde Nigrán, organizando actividades como a Semana Raku, que lle permite dar a coñecer a tradición cerámica xaponesa dos séculos XV e XVI.

O seu paso polo ECWC tamén supuxo un cambio de rumbo na súa obra, pois o perfeccionamento da técnica lle permitiu tensar os conceptos, entre o poético e o xogo, marcando intencionadamente as imperfeccións como pegada da artista. A súa referencia á natureza resulta palpable nas súas obras, pero en ocasións o elemento natural se carga dos sedimentos da experiencia vital, algo que tamén lles transmite ás súas superficies irregulares, curvas, manipuladas para logo ser abandonadas.

Xaime Piñeiro

Na nova fornada de artesáns e artesás ceramistas en Galicia existen referentes e á vez mestres como Xaime Piñero (Allariz, 1964) , docente de técnicas de cerámicas e alfarería da Escola de Artes e Oficios de Ourense. Un ceramista artístico cuxo  impulso vitalista lévalle a  moverse a crear unha especie de obra poético visual e táctil.

As referencias están ateigadas dunha teruidade emerxida, froito dunha técnica acadada ao longo dos anos. A isto engádeselle  unha inesgotable e experimentadora búsqueda dunha contundente sinxeleza, inspirada polas formas e cores da natureza, onde a influencia da prehistoria e mesmo da etnografía do país teñen cabida.

De igual xeito, unha humildade asimilada ao efémero convídao a tratar coa arxila, material primixenio, inerte pero activo, apeteciblemente maleable que lle axuda a acadar unha obra onde a arte non está rifada coa funcionalidade, e onde a sorpresiva e protagonista acción do lume deixa a derradeira pegada.

Ven ollar 'in situ' as creacións e a pegada que deixa a súa formación como mestres e mestras noutros/as ceramistas estes artistas galegos, presentes en Pensar coas mans. Aberta de martes a domingo, de 10 a 20 horas, no Museo Centro Gaiás ata o 8 de setembro. Contas con visitas comentadas, de balde.


 


Exposicións & Intervencións
Santiago de Compostela, 01 de Maio de 2019