O Gaiás no bulideiro da #MuseumWeek2019!

Segues a Cidade da Cultura polo Twitter? Se non é así esta semana que arranca é unha das mellores para ancorarse á nosa rede ! A partir deste luns, 13 de maio, a nosa conta  (@cidadedacultura) volve estar no bulideiro da #MuseumWeek2019! con milleiros de institucións culturais internacionais, que durante sete días e sete cancelos pretendemos que nos coñezas un chisco máis e mellor.
 
A #MuseumWeek trátase dunha sinerxia única no mundo, fonte de tráfico, diversidade e creatividade coa que se convida a favorecer as experiencias museísticas máis transversais, lúdicas e educativas e a comunicalas polas redes sociais.
 
En 2018, a Cidade da Cultura foi unhas 5.000 institucións culturais participantes, o que implicou a 120 países diferentes e este ano 2019 preséntase aínda máis emocionante ao coincidir coa semana do Día Internacional dos Museos!!
 
O obxectivo? Mobilizar os e as afeccionadas e profesionais ao redor da cultura, conferir visibilidade, abrirse ao ámbito internacional, incrementar o interese dos e das visitantes, escoitar o público, fomentar a interacción, defender valores e dar a coñecernos máis polo miúdo e dun xeito temático cos seguintes cancelos:
 
  • Luns 13 de maio | #WomenInCulture!
  • Martes 14 de maio | #SecretsMW
  • Mércores 15 de maio | #PlayMW
  • Xoves 16 de maio | #RainbowMW
  • Venres 17 de maio | #ExploreMW
  • Sábado 18 de maio  | #PhotoMW
  • Domingo 19 de maio | #FriendsMW

En particular, este ano a #MuseumWeek2019 estará marcada polo apoio a unha causa primordial: o lugar das mulleres na cultura, onte, hoxe e mañá. Todo iso ao longo da semana co cancelo común #WomenInCulture

CHÍOS E RECHOUCHÍOS DA #MUSEUMWEEK2019

  • Luns 13 de maio | #WomenInCulture!

– Sabías que a xerencia da Fundación Cidade da Cultura e a dirección de Acción Cultural do Museo Centro Gaiás recaen en dúas mulleres? Ana Isabel Vázquez Reboredo e María Pereira Otero, respectivamente.

– O equipo do Departamento de Exposicións no Museo Centro Gaiás está capitaneado por tres mulleres: Mar Angosto, Carmen Menéndez e Verónica Santos.

– A perspectiva de xénero está presente na programación anual da Cidade da Cultura, e máis alá da anual: conta cun ciclo artístico en espazos naturais, Reb/veladas na paisaxe, comisariada sempre por mulleres para incidir e dar a coñecer o seu papel neste tipo de intervencións,

– Viñeches a Pensar coas mans ?  A actual exposición do Museo Centro Gaiás  ten como comisaria a unha muller, Verónica Santos Farto, e a abraiante estrutura arquitectónica principal da mostra foi ideada por Izaskun Chinchilla. Ademais, gran número de creacións e pezas que forman parte da mostra son de mulleres artesás.

– E se aínda non pasaches pola outra exposición actual do Museo Centro Gaiás, Valor e mestría. Galicia como fútbol , debes pararte nunha sección dedicada a pór en valor o importante papel da muller neste deporte, con pioneiras mundiais como a galega 'A porteira Irene', a primeira en capitanear a principios  do século pasado un equipo só de homes.

– E nas Torres Hejduk, espazo destinado a intervencións artísticas, son inmumerables as realizadas por mulleres como Irma Álvarez Laviada ou Alejandra Sampedro . Precisamente, a vindeira Plástico a mareas é de María Arceo e inaugúrase o 5 de xuño.

  • Martes 14 de maio | #SecretsMW

– A Cidade da Cultura ten unha nova visita comentada, #Gaiássecreto, con descubertas de recunchos e espazos restrinxidos habitualmente: as sobrecubertas, o servizo de túnel que conecta por debaixo a urbe de cuarcita e cristal e os fondos da Biblioteca de Galicia. Unha experiencia exclusiva e limitada amosando o Gaiás agochado a unhas poucas persoas cada sábado.

– E se hai un lugar ben non agocho do complexo da Cidade da Cultura son os depósitos bibliográficos da Biblioteca de Galicia, cabeceira do sistema de bibliotecas galegas e do patrimonio documental da nosa comunidade. Este edificio reúne, conserva e difunde todo o patrimonio bibliográfico da comunidade e facilita o seu acceso, xa sexa de forma presencial ou virtual.  Ademais, funciona como depósito legal de todas as publicacións editadas en Galicia, das que se deposita unha copia nas súas instalación.

–  Queres que te adiantemos un petisco do que estamos argallando? Na Hejduk estamos a recibir todos os luns de maio os refugallos de plástico que a xente limpa do noso litoral. Para que? preguntaraste—. A artista María Arceo vainos empregar para denunciar esta contaminación na vindeira intervención, Plástico a mareas. Iremos descubríndoche algo antes da inauguración o 5 de xuño.

– Se es seareiro/a da Cidade da Cultura seguro que estás convencido/a de que non hai recunchos do Gaiás que se che escapen. Queres pórte a proba? Estate atenta/o ao Twitter nesta data, que imos descubrir o moito que nos coñeces ou... non!

– As exposicións Pensar coas mans e Valor e mestría gardan algun segredo ou faciana insospeitada nas súas pezas (brincos capaces de perfurmar ao seu paso) ou nos seus protagonistas (xogadores con alma realmente de pintor). Imos tirar proveito da #SecretMW para desvelarchos!

  • Mércores 15 de maio | #PlayMW

–  Xogo e xogos a fartar no Gaiás cada ano nas dúas sesións de Cidade Imaxinaria, á que viñeron máis 7.000 persoas na celebrada este mes de abril para festexar a primavera. A ver cantos vindes brincar con nós na Cidade Imaxinaria Verán. Toda esta xentiña e máis! 

– E se algo é o fútbol, é xogo ! Na exposición de Valor e mestría está presente dun xeito afectivo, pero tamén como un repaso aos 143 anos da historia deste deporte, que tamén supón un repaso á biografía de Galicia.

– Aínda non viches Pensar coas mans?! Na sección das e dos ceramistas contemporáneos dá e fai moito xogo o graffiteiro vigues 'Pelucas' coas súas cerámicas irreverentes. Pero hai outros e outras que tamén empregan a linguaxe do xogo nas súas creacións. Éntralles ti tamén no xogo!

– Se hai un espazo indiscutible na Cidade da Cultura onde o xogo é protagonista todos os días do ano é o Parque da Balea.

- Mais como de brincar nunca hai fartura nin espazo suficiente, na Cidade da Cultura contamos desde abril con novas áreas de xogo e deportivas, neste caso urbanas como o parkour, skate ou escalada. Onde practicalos? No no recén inaugurado Xardín do Teatro.

– E entre tantos xogos acollidos ou organizados, un que nos fai especial ilusión lembrar na #MuseumWeek é o Campionato Mundial de Xadrez das cateogrías cadete, que permitiu no Museo Gaiás abraiarnos co enxeño e coa destreza mental da cativada.

  • Xoves 16 de maio | #RainbowMW

 – Se es un asiduo/a da Cidade da Cultura teraste quedado pampa na primavera ou no outono con algún dos espectaculares Arco da vella que teñen cuberto, a modo de paraugas multicor, todo o complexo arquitectónico. Se aínda non tiveches oportunidade, lembraremos algunha imaxe do momento, inmortalizada pola ollada espelida do fotógrafo Manuel G. Vicente.

– Tamén todas  as cores (ou case todas) do Arco da Vella teñen alumeado as Torres Hejduk para apoiar a causa LGBTQ, por exemplo, e tamén outras campañas sociais de compromiso e de solidariedade con múltiples iniciativas, facéndonos eco de peticions de asociacións, ONGS, colectivos...

– Pero o abano de cores non só ten tinguido o complexo arquitectónico do Gaiás, senón felizmente repintado o Bosque de Galicia. Cada verán, as tendas de campaña de Unha noite no Bosque fan a delicia da cativada, á vez que crean unha estampa multicor nesta gran contorna verde que arroupa a Cidade da Cultura.

– Arquitectura, zonas verdes e incluso o ceo! Si, tamén temos ateigado de cor o ceo do Gaiás cos espectaculares papaventos do noso programa de actividades ao aire libre na primavera, Cidade verde.

– E para actividade na que a cor é indispensable, a Holi Gaiás!  Repetimos terceira edición o sábado 8 de xuño, co precedente de éxito de participación das dúas anteriores. Unha competición pola arquitectura e zonas verdes da Cidade da Cultura, onde as marcas son o de menos, e o que interesa é a diversión á esgalla con música, mentres se corre enchoupándose cunha polveira multicor, da que todo o mundo quere saír emporcallado!

  • Venres 17 de maio | #ExploreMW

– Na Cidade da Cultura convidamos a explorar a pé os nosos espazos desde a emblemática praza do Obradoiro, situada no centro do casco antigo de Santiago de Compostela. Nin tan lonxe do monte Gaiás! Unha andaina saudable que permite a descuberta do patrimonio histórico (catedral, edificio de Fonseca, Facultade de Historia, Praza e Arco de Mazarelos, Colexiata de Sar...) e do patrimonio natural (brañas) da capital de Galicia. 

–  As zonas verdes e de lecer do Gaiás como Bosque de Galicia, Parque do Lago,  Xardín Literario e o novo Xardín do Teatro, merecen ser exploradas! Propiciamos sempre as andainas libres polos sendeiros que unen estes espazos naturais, pero tamén organizamos andainas intepretativas guiadas, nas que os e as participantes descubren a ampla diversidade de especies arbóreas autóctonas e tamén de aves e de anfibios do Gaiás.

- Co recén inaugurado Xardín do Teatro tamén animamos a explorar os deportes urbanos que se poden practicar neste novo espazo exterior. Precisamente, o sábado 25 de maio celebramos Cidade Rompetiño, un encontro de cultura urbana, con música e demostracións e campionatos de deportes de acción.  Entrada libre e de balde.

– Que exploración e indagación artística con intercambio de experiencias entre creadores organizamos e acollemos no Gaiás?! O Encontro de Artistas Novos (EAN), que en agosto cumpre a súa novena edición con moito talento emerxente que non para de sorprendernos cada ano.

– Neste cancelo da #MuseumWeek non podemos esquecernos da exploración e descuberta fóra  da aula que lles supón, aos rapaces e ás rapazas de centros escolares de toda Galicia, participar no Gaiás das visitas arquitectónicas e artísticas de carácter didáctico, grazas ao programa didáctico da Cidade da Cultura.

– E nesta data imos tirar proveito para convidar á exploración e á indagación d@ artista/creadora que tod@s levamos dentro! Animándote a participar en calquera dos obradoiros ou demostracións de artesanía cos que contas todas as fins de semana ata finais de xuño en Pensar coas mans.

  • Sábado 18 de maio  | #PhotoMW

– A Cidade da Cultura ten un vencello moi especial coa arte fotográfica. Este día imos facer memoria colectiva polas redes esas actividades e exposicións nas que se demostra o noso afecto e vínculo estreito con esta arte.

- Síguenos ben atento/a porque rescataremos os marabillosos retratos que se fixeron no obradoiro de fotografía, No Museo, pola cara , estudantes de Bacharelato, con Tamara de la Fuente como mestra.

– Animarémoste a subir etiquetándo á Cidade da Cultura fotos do complexo Gaiás e dos teus espazos favoritos co cancelo #PhotoMW.

– E lembraremos a dous galegos que se converteron en grandes referentes internacionais da fotografía: José Suárez e Baldomero Pestana. No Museo Gaiás organizamos exposicións retrospectivas de ambos que itineraron por todas as partes do mundo, en colaboración de institucións de prestixio como o Instituto Cervantes.

  • Domingo 19 de maio | #FriendsMW

Moitas da nosa programación conta co apoio e respaldo de fieis colaboradores e patrocinadores, que non poden ter outra consideración como de amigos/as para a Cidade da Cultura:  


– Fundación Pública Artesanía de Galicia en Pensar coas mans

– A Secretaría Xeral de gualdade, La Liga ou a Federación Galega de Fútbol en Valor e mestría

– Viaqua en Plástico a mareas’, Holi Gaiás e Cidade Verde

–  A Fundación Sabadell no #EAN9

–  O Museo do Pobo Galego, que cedeu pezas para Pensar coas mans

–  A Fundación USC Deportiva en Camiño ao Gaiás

–  A empresa pública SEAGA nas plantacións de Ponnos verde! ou no Bosque do Camiño

– O Observatorio Astronómico da Universidade de Santiago nas exitosas Visitas astronómicas de todos veráns

– A Real Filharmonía de Galicia que ten feito en máis dunha ocasión do Gaiás a súa segunda casa. En concreto, a última actuación, en xaneiro deste ano, foi dentro das actividades do programa de  Castelao maxistral

E o último chío ten que ser para os e as que sempre están primeiro e de primeiros/as: en interese, en asistencia e en empatía coa Cidade da Cultura: os nosos socios e socias do Club Gaiás!


 
Visitas e Accións divulgativas
Santiago de Compostela, 10 de Maio de 2019