Todos os mércores de xullo, agosto e setembro, Camiño ao Gaiás proponche unha forma diferente de te achegar á Cidade da Cultura: trátase dunha ruta á pe desde a cidade de Santiago de Compostela ata o complexo deseñado por Peter Eisenman.
Guiado por monitores da Fundación USC Deportiva, a ruta pon en valor os seus fermosos arredores, tanto dende o punto de vista da natureza como dende a difusión do patrimonio histórico, permitindo descubrir algunhas das “xoias arquitectónicas” de Compostela.
Así, o percorrido comeza na Praza de San Roque e continúa ata o parque de Bonaval e, tras cruzar a Rúa de San Pedro, accede a Belvís.
Tras atravesar Belvís, o itinerario descende ata Sar para finalmente acometer a subida ao monte Gaiás pola calzada do Sar ata a Cidade da Cultura.
Unha vez alí, un dos guías da Fundación Cidade da Cultura de Galicia completará a actividade cunha visita guiada ao exterior e interior do complexo.
Se estás interesado en participar nesta actividade, podes realizar a túa inscrición online.

