Galicia Moda: o espertar do 'feito en Galicia'

Xunto a coleccións privadas coas que viaxar no tempo, máquinas que revolucionaron unha época ou personaxes sobranceiros que se  achegaron á nosa moda, Con-fío en Galicia detense tamén na importancia do márketing, da imaxe e da publicidade no noso téxtil. Galicia Moda destaca neste ámbito por ser o primeiro intento de crear unha imaxe de marca de 'moda feita en Galicia'.

Co despegue do sector téxtil e da confección en Galicia nos anos 80, decidiuse poñer en marcha un programa impulsor do sector, que incluía unha asociación, unha campaña de marketing e unha revista: Galicia Moda.

O obxectivo deste programa era xerar un valor engadido ao produto de moda galega co fin de propiciar a creación de marcas competitivas e conseguir proxectar unha imaxe de país de moda. Co fin de aunar esforzos para lograr unha imaxe colectiva do sector creouse en marzo do 85 na Coruña a asociación Galicia Moda, na que estaban deseñadores como Gene Cabaleiro, Florentino ou Caramelo.

Dous anos antes veu a luz a revista Galicia Moda, unha publicación especializada, a modo de revista catálogo, deseñada co obxectivo de ser un escaparate do sector e un medio de difusión da creatividade galega dirixida aos consumidores españois e estranxeiros. A revista foi eminentemente visual. Editada en cor, a imaxe -a través da fotografía e da ilustración- dominou todo o contido da publicación.

A revista estivo dirixida por Luís Carballo, responsable da célebre campaña La arruga es bella de Adolfo Domínguez, e chegou a tirar uns 21.000 exemplares. A moda combinábase cun aspecto menos coñecido: o industrial, dando a coñecer ao deseñador na propia contorna e co seu equipo de traballo. Galicia Moda contou con 16 número e o seu último exemplar sairía do prelo en agosto de 1991, poñéndolle fin a unha das accións comunicativas máis importantes no mundo da moda galega.

Exposicións & Intervencións
Santiago de Compostela, 17 de Agosto de 2016
Con-fío en Galicia