A rebelión xitana contra a marxinalidade | Escenas do cambio 2020

Se vigilará escrupulosamente a los gitanos, cuidando mucho de reconocer todos los documentos que tengan, confrontar sus señas particulares, observar sus trajes, averiguar su modo de vivir (...)”. Así comezaba o artigo 4 do regulamento do servizo da Garda Civil vixente en 1976 e que evidencia como era considerada, tratada e perseguida esta comunidade na España da época.

A arte é denuncia. E iso foi o instrumento do que se valeu o primeiro profesor xitano da universidade en España, José Heredia Maya, quen lanzou nese mesmo ano Camelamos naquerar (que significa queremos falar en caló). Tratábase dunha obra de teatro flamenca para reivindicar con seguiriyas (un canto de morte e dó) non só a cultura, senón a dignidade xitana.

Foi gabada pola crítica por ser “unha exposición do sufrimento continuado desa raza marxinada” ou polo seu “grito de liberdade” evidente en versos como «Nadie te va a ayudar/ que como a los animales del monte/ nos tiran a dar».

Mais tivo o seus custos; recibiu coaccións e ameazas e ata un teatro que a programaba foi incendiado. No entanto, conseguiu sacudir consciencias. Dous anos despois, en 1978, tras unha xira por España, París e Milán, o artigo do inicio, xunto a outros, foron suprimidos.

A bailaora Leonor Leal non quere que se esqueza estes pasos valentes de danza e de leccións de vida e recupera en Ahora bailo yo esta obra pioneira e arriscada sobre a opresión do pobo xitano. Faino no orixinal formato de conferencia bailada, onde formula novas preguntas e se atreve a dar novas respostas.

Unha viaxe fascinante do pasado ao presente, ou ao revés, que poderás percorrer con ela o 1 de febreiro na Cidade da Cultura de Galicia en Escenas do cambio 2020. Colle xa a entrada!

Santiago de Compostela, 09 de Xaneiro de 2020
 
jpg 7.35 KB