As memorias do Camiño durante o ano da pandemia, nas Torres Hejduk

O Camiño de Santiago agocha tantos relatos como facianas e capturar algúns deles foi o que se propuxo o Colectivo Cantz, formado polos artistas visuais Felipe Romero e Marius Ionut Scarlat. Ata o 7 de marzo, podedes ver o seu traballo nas Torres Hejduk da Cidade da Cultura, transformadas nun depósito de memorias e experiencias do Camiño recollidas no ano da pandemia, a través da intervención artística A distancia da imaxe.

A instalación reflexiona sobre as pegadas que o Camiño deixa nas persoas que o experimentan, desde o relato oficial das guías de viaxes, ata as marcas deixadas no propio corpo. A través da experiencia dos artistas durante o Camiño e das entrevistas que realizaron no Obradoiro ás persoas peregrinas, os dous artistas fían este relato no que tamén a covid-19 deixa unha importante pegada na visión dunha ruta moito menos concorrida do agardado e nos testemuños das persoas que decidiron botarse a andar tras o confinamento.

«Estás lonxe da xente, da miseria dos negocios pechando, das persoas que o están a pasar mal. Estás só facendo o teu propio camiño, atopándote a ti mesmo» 

O proxecto resultou gañador do VII Concurso de Intervencións Artísticas nas Torres Hejduk, convocado pola Xunta de Galicia entre os e as participantes do Encontro de Artistas Novos Cidade da Cultura 2019 (EAN9), no marco do Xacobeo 2021 e coa colaboración da Fundación Banco Sabadell.

Exposicións & Intervencións
Santiago de Compostela, 21 de Novembro de 2020