Do, Re, Mi… Pequeclassics xa está aquí!

Os máis pequenos volven ter os domingos unha cita coa música na Cidade da Cultura porque volve Pequeclassics, o ciclo educativo pensado para espertar entre os máis novos a paixón polos clásicos e a ópera a través do xogo.

Tras introducirnos no mundo da música clásica da man de Mozart ou Vivaldi, os concertos didácticos de Pequeclassics completaranse nesta segunda edición con espectáculos de monicreques, facendo aínda máis divertida e emocionante a aprendizaxe do ritmo, o sentido das melodías ou os efectos na produción de voz.

Ante a extraordinaria acollida por parte do público de Pequeclassics en 2011, a Cidade da Cultura decidiu seguir apostando por este ciclo. E faino dando resposta a unha das principais demandas dos usuarios: aumentar o número de pases de cada sesión para permitir que máis nenos poidan beneficiarse desta actividade. Deste xeito, todas as obras terán un primeiro pase ás 12:00 horas e outro ás 17:00 horas.

A primeira cita virá da man da compañía Viravolta, quen presentará a obra “O poliño feo” o vindeiro domingo 22 de xaneiro, un espectáculo de luz negra onde o clásico conto popular terá monicreques por protagonistas e contará con música en directo. Dirixida a nenos de máis de tres anos, as entradas xa poden adquirirse en www.servinova.com a un prezo de tres euros máis gastos de xestión.

Pequeclassics continuará o domingo 12 de febreiro con “Ensalada de instrumentos”, un percorrido pola historia da música e as diferentes familias de instrumentos da man de Os Tres Tenedores, un grupo de musicólogos e docentes con ampla experiencia, que introducirán aos nenos na arte de tocar e diferenciar os sons.

Xa en marzo, a cita con Pequeclassics será o domingo 4 con “O son dos metais”, un novo concerto didáctico para maiores de cinco anos a cargo do Grupo de Metais Santa Cecilia de Ferrol, que a través de pezas clásicas de Bach, Mozart ou Rossini darán a coñecer a riqueza sonora dos instrumentos de vento metal.

No mes de abril chegará o espectáculo “Paxaro de lume”, unha adaptación da obra de Igor Stravinsky que se representará o domingo 8 nun teatriño inspirado nos espectáculos de marionetas do barroco e coa presenza de músicos en escena a cargo da compañía pontevedresa Viravolta.

Un novo concerto didáctico será o protagonista da sesión de maio. Nesta ocasión, a Fundación de L´Auditori de Barcelona interpretará “Corda e Recorda” o 13 de maio, onde os nenos maiores de tres anos aprenderán a distinguir as diferentes sonoridades de cada instrumento.

A ópera volverá ter o seu oco nesta segunda edición de Pequeclassics a través da obra “Érase unha vez a ópera”, que terá lugar o 10 de xuño para nenos maiores de seis anos. Ambientada nunha clase a principios do século XIX, a compañía Ópera Divertimento de Bilbao introducirá ao público na historia da ópera e do seu marabilloso mundo a través dunha conversa entre un mestre e unha alumna.

En familia
Santiago de Compostela, 11 de Xaneiro de 2012