Díaz Pardo, máis có Walter Gropius galego


As miradas de Isaac é a primeira grande exposición dedicada a Isaac Díaz Pardo despois do seu falecemento (5 de xaneiro de 2012) e vén da man da Xunta de Galicia, que decidiu inaugurala en 2020 no Museo Gaiás da Cidade da Cultura, con motivo da celebración ese mesmo ano do centenario do seu nacemento (21 de agosto de 1920).
 
Trátase dunha mostra homenaxe co propósito de situar como merece na historia de Galicia ao responsable de achegas tan relevantes como o Laboratorio de Formas, con importantes e rompedoras aportacións ao deseño; Ediciós do Castro, que recuperaba nas súas publicacións traballos da intelectualidade galega obrigada ao exilio; o Instituto Galego de Información ou o Museo de Arte Contemporánea Carlos Maside, que valorizou o movemento innovador da vangarda artística galega que se viu interrompido pola Guerra Civil.
 

Sargadelos: A Bauhaus de Galicia

 
Pero, sobre todo Díaz Pardo é lembrado pola fábrica de Sargadelos (Cervo-Lugo) que recuperou a finais dos 60 con outro grande da intelectualidade e arte galegas, Luis Seoane. A innovación nos seus deseños —unindo tradición e vangarda— e as súas características pinceladas en azul cobalto e vermello-alaranxadas, supuxeron un referente para o sector da cerámica en España, e tamén en Europa, tal e como demostra que lograron abrir unha tenda en Milán, un dos máximos viveiros do deseño europeo.
 
Esta innovación e proxección supuxo un recoñecemento que elevou á fábrica de Sargadelos á categoría da ‘Bauhaus de Galicia’, pero Díaz Pardo foi moito máis có  Walter Gropius ‘á galega’ e a exposición As miradas de Isaac é o que busca proxectar.
 
E para iso, a exposición conta como comisarios cos seus fillos, Xosé e Camilo Arias de Castro. Poucas persoas poden coñecer mellor esta figura incansablemente creativa, tal e como demostran as case 300 pezas (obras de arte, fotografías, publicacións, murais, audiovisuais e obxectos persoais) produto dunha esmerada selección e criba para reconstruír as múltiples facetas dos seus 91 anos de existencia, xa que foi, ademais de ceramista, pintor, editor, ensaísta, escritor e imparable emprendedor.
 

"A cultura é todo"

 
 
Unha figura multifacética pero cun único compromiso: contribuír a sacar o máximo proveito da creatividade e do enorme potencial innovador e económico de Galicia, a través da súa cultura. "Porque a cultura non é só a literatura, a poesía ou a filosofía. A cultura tamén é economía, é o labor social que debe conlevar, é a arquitectura... A cultura é todo”, xustificábase publicamente Díaz Pardo ante as súas iniciativas diversas no ámbito cultural e empresarial, nas que sempre primou o valor e a responsabilidade social por riba da rendibilidade económica.
 
Con esta clara intención de dar a coñecer as outras miradas creativas de Díaz Pardo, ademais da de ceramista, a exposición tamén profunda noutras facetas e arrinca coa de incipiente cartelista con tan só 15 anos. Sendo un adolescente colabora con grandes da época como Castelao, ao que chegou a pintar –por encargo do mesmo artista e intelectual galeguista—carteis icónicos da época do plebiscito de Autonomía de Galicia en 1936, atribuídos ao considerado pai do nacionalismo galego.
 
Unha pronta habilidade artística vinculada coa importancia na súa vida do seu pai, o prestixioso deseñador gráfico e escenógrafo Camilo Díaz Baliño. Del absorbe a súa herdanza artístico-creativa, inspirada na simbiose de arte galega e europea. Tamén é legado do seu pai asasinado polos franquistas en 1936 cando Isaac contaba con 15 anos— a aposta sempre por unha arte de carácter humanista, social e emancipador.
 

"Vimos ao mundo para cambialo"


As miradas de Isaac tamén profunda na obsesión de Díaz Pardo de recuperar á intelectualidade galega que se viu obrigada ao exilio Luís Seoane, Castelao, Blanco Amor, Dieste… e contar con eles para recuperar as iniciativas culturais que se viron truncadas polo estalido da Guerra Civil e acabar coa dolorosa imaxe dunha Galicia aniquilada culturalmente. “Os mellores estaban fóra, víronse obrigados a irse”, lamentábase Isaac en entrevistas sobre aquela época de finais dos sesenta. De aí, as súas viaxes e amplas estancias na Arxentina e os seus proxectos con Luis Seoane que deron os seus froitos: o Laboratorio de Formas, Ediciós do Castro, o Museo Carlos Maside e a recuperación exitosa da fábrica de cerámica de Sargadelos.
 
“Vimos ao mundo para cambialo”, insistiu moitas veces en vida Díaz Pardo e foi, segundo os seus propios fillos e comisarios da mostra, o seu leitmotiv vital e profesional e seguro o motor que propiciou que fose artífice de tantas e importantes achegas á cultura galega do pasado século.
Santiago de Compostela, 05 de Xaneiro de 2021