Quen é o fillo do Trono?

En Compostela é o Apóstolo. En Galilea, o fillo de Zebedeo. En Xerusalén, o Maior. E para Xesús, o fillo do Trono. Pero quen foi a persoa pola que cada ano chegan a Galicia milleiros de peregrinos? Dar resposta a esta incógnita é o que pretende a primeira parte da exposición Camiño. A orixe, que ofrece unha unha viaxe ao pasado, unha volta á orixe, á Palestina do século I d. C, para desvelarnos quen foi o home, o santo, o mito. Como viviu, como actuou, que o levou a converterse nunha lenda. 

Ao longo do primeiro andar do Museo Centro Gaiás descubrimos a Santiago, fillo de Zebedeo e Salomé, irmán de Xoán o Evanxelista, e curmán de Xesús, que o proclamou como ‘o fillo do Trono’ polo seu temperamento e forte carácter. Nado como pescador, foi un dos primeiros en recibir a chamada de Xesús e pasou a ser un dos doce apóstolos. Do grupo dos elixidos, xunto ao ser irmán Xoán e Simón Pedro, estivo en momentos clave da vida de Xesús como a Última Cea ou a oración na Horta dos Olivos en Xetsemaní, como evidencia a figura do Santiago o Maior Apóstolo, procedente do Museo Nacional de Escultura de Valladolid. A peza de madeira, que data da primeira metade do século XVIII, recrea unha das escenas bíblicas nas que participou Santiago: a de Xesús atopando aos seus discípulos máis íntimos durmidos mentres el reza na horta dos Olivos antes do seu calvario.  

Tras a morte de Cristo, Santiago sería un dos elixidos para predicar o Evanxeo tras o Pentecostés, levando a súa oración a Hispania, salpicada de seguidores e milagres, e iniciando así o camiño que o convertiría en Santo. De volta a Xudea, Santiago sería condenado a morte e decapitado por orde do rei Herodes Agripa I, iniciando así a súa última viaxe, a Translatio. O achado do seu corpo en 813 polo eremita Paio e a posterior consagración da Basílica en Compostela desembocaría no mito do Santiago cabaleiro, protector das tropas cristianas e patrón de España.

 

Exposicións & Intervencións
Santiago de Compostela, 18 de Agosto de 2015
Santiago o Maior Apóstolo
 
Santiago o Maior Apóstolo
Detalle do Santiago o Maior Apóstolo
Santiago o Maior Apóstolo