Este marzo, o mellor baile de Entroido está no Gaiás. O vindeiro luns, 3 de marzo, a partir das 17:00 horas, só por vir disfrazado, poderás pasar unha divertida tarde cos musicais A nena e o grilo e Petit Pop totalmente de balde.
Para arrancar a tarde embarcarémonos xunto A nena e o grilo nunha emocionante aventura coa que descubrir o mundo e os seus segredos. Unha viaxe teatral con banda sonora en directo liderada por Magín Blanco. Tras esta viaxe iniciática chegará a hora do pop máis molón. Formigas, queixo branco, unha visita ao zoo ou aventuras de piratas serán os protagonistas de Petit Pop, un concerto máis que divertido no que o público terá moito que dicir.
Obradoiros de máscaras e perrucas
E para acudir perfectamente disfrazados ao Baile de Entroido, a Cidade da Cultura organiza dous obradoiros creativos para nenos a partir de seis anos.
O sábado 1 de marzo terá lugar no Museo Centro Gaiás o obradoiro de perrucas Despelúxate! coa artista Akira Valero. En dúas quendas (11:30 e 17:00 horas), os participantes aprenderán a reutilizar obxectivos xa usados como envases de plástico, papel, tubos de cartón ou cintas e cores para confeccionar unhas vistosas e divertidas perrucas coas que será difícil que os recoñezan.
E o luns 3 de marzo será o momento de cambiar de cara nun divertido obradoiro de máscaras. Escolle ollos, narices e orellas e convértete nun monstro terrible ou nun tenro, nun ser fantástico cun só ollo, nunha meiga encantadora… Vai cara! Obradoiro de máscaras de monstros e seres fantásticos dirixido por Manuel Silva estimulará a creatividade e a imaxinación dos máis pequenos.
Ambos os dous obradoiros xa están á venda a un prezo de tres euros no Punto On da Cidade da Cultura, ao que haberá que engadirlle os gastos de xestión no caso de adquirirse en www.servinova.com.

