Paco de Pin e Manolo Paz crean os seus “Soños de pedra na fin da terra”

Humanizar a pedra. Darlle calidez, volume, vida. Este é orixe de Soños de pedra na fin da Terra, unha intervención lumínica que o produtor Paco de Pin realizou sobre a obra Soños de pedra do escultor Manolo Paz e que pode verse ata este domingo na planta baixa do Museo Centro Gaiás no marco da exposición Gallaecia Petrea.

Con esta intervención efémera, Paco de Pin emprende un traballo colaborativo co escultor Manolo Paz a través da súa faceta de iluminador, dándolle volume e vida ás tres esculturas que forman Soños de pedra, unha obra realizada en granito e cuarcita na que o artista formula un diálogo contemporáneo coa paisaxe e coas formas da natureza.

Quen se achegue ao Museo Centro Gaiás ata este domingo, 25 de novembro, poderá contemplar este traballo no que, a través dun xogo de luces, tonos, ángulos e potencias, Paco de Pin pretende trasladar ao público ao taller que Manolo Paz ten en Cambados, a esa hora máxica do lusco e fusco, onde as esculturas adquiren brillo, calidez, en definitiva, vida.

Exposicións & Intervencións
Santiago de Compostela, 21 de Novembro de 2012