A costura como símbolo de resistencia

Coa costura como leitmotiv de toda a súa carreira artística, Sonia Navarro propón, no marco da exposición Con-Fío en Galicia, a intervención Quefaceres e equilibrio. Trátase dunha proposta plástica intimamente vencellada á tradición familiar dos oficios femininos que xira en torno ao papel social da muller e ao da costura como símbolo de resistencia.

Ao longo da Historia, a muller repregouse no contexto doméstico unida a un modelo de traballo que perseguiu incrementar os recursos económicos familiares a través de tarefas vinculadas á costura, compaxinados coas demais actividades do fogar. Así, as mulleres en Galicia participaron ao longo dos séculos deste sistema socioprodutivo mediante o desempeño de oficios tradicionais como os de costureiras, tecedoras, fiandeiras, calcetadoras ou palilleiras, nunha sociedade principalmente agraria.

Sonia Navarro elixe un elemento unitario que repite. Trátanse de estruturas esquemáticas que debuxan figuras femininas ás que a artista denomina vestidos-gaiola. Estes elementos, cuxa silueta se asemella á das propias Torres Hejduk, aparecen distorsionados como a imaxe do corpo humano fragmentado, sen brazos e con pescozos alongados. Actúan así como metáfora das constricións sociais e os patróns establecidos, das vivencias personais de moitas mulleres en torno á obriga imposta do conxunto de labores domésticos diarios.

A artista, que sitúa dez estruturas na torre transparente e unha na torre opaca, suxire un enfrentamento entre contrarios. Na primeira “ispe” as xaulas, desposuíndoas de todo elemento superficial, para falar do silencio pechado como desexo de liberdade e do equilibrio como estado de inmobilidade, e suma de forzas para acadar obxectivos.

Na segunda viste a estrutura recurrindo a técnicas artesanais empregadas na indumentaria tradicional galega como a que se emprega para realizar os sombreiros sancosmeiros. Este elemento feminino, utilizado na contorna rural para a protección do sol e da choiva, está realizado en palla de centeo coidadosamente seleccionada e trenzada para garantir a súa resistencia e impermeabilidade. Para iso traballará conxuntamente con María de Leonardo, unha das poucas mulleres que continúa con esta tradición familiar na Serra de Outes.

Con esta acción-proceso Navarro afronta a costura como un acto de curación e como punto de encontro para a reconstrución da memoria. Por outro lado, apela no seu discurso argumental a esta tradición téxtil no ámbito doméstico e á reivindicación da muller como peza fundamental da estrutura familiar. Aínda que na actualidade o papel social da muller evolucionou en todos os ámbitos, segue estando sometido a estereotipos que dificultan o progreso cara a igualdade. Sobre eles reflexiona Sonia Navarro a través do seu traballo, potenciando a capacidad crítica desta proposta pensada para a Cidade da Cultura.

Susana González

Comisaria

Exposicións & Intervencións
Santiago de Compostela, 11 de Agosto de 2016