Fin da viaxe polo pensamento concentrado en pílulas de sabedoría

Pensamento concentrado en imaxes, versos, reflexións, impulsos neuronais, principios filosóficos ou saberes populares. A viaxe polas diferentes áreas do saber e o coñecemento condensadas en pequenas pílulas de sabedoría que foi Laboratorio de Pensamento Breve chegou esta fin de semana á súa.

E fíxoo da man de Joxerra Garzía e un percorrido polas formas breves máis clásicas como o mantra, o refrán, a pintada, o eslogan, microconto, haiku, chiste ou mesmo viñetas, onde apareceu Castelao e os seus debuxos, ou Carlos Casares e as súas composicións breves nos medios de comunicación. Pezas todas elas unidas por un mesmo discurso: mínimo de intervención con máximo sentido. O relatorio de Garzía foi precedido por “O instante do saber. De Lao Zi a Nietzsche’, no que o doutor en filosofía Ignacio Castro abordou o pensamento dende o ámbito da metafísica, incidindo no que significa a inmensidade do instante, a súa grandeza e o que supón respecto ao todo. "Quen é capaz de morrer é capaz de resumir a vida nun momento", apuntou reflexionando sobre os instantes cruzais da vida e da necesidade de ser fiel á vida vivida nun instante.

As seis sesión das que constou Laboratorio de Pensamento Breve –dirixidas por Antón Patiño, Xosé Manuel Outeiriño, Amador Fernández-Savater, Xurxo Mariño, Ignacio Castro e Joxerra Garzía- contou con obradoiro onde os participantes puideron explorar a potencia dos formatos breves como ferramenta para a transmisión de saberes e no que se exercitaron as destrezas na elaboración de pequeñas pílulas de sabedoría. Un traballo que pode ser consultado en www.cidadedacultura.org e tamén no www.facebook.com/cidadedaculturadegalicia ,xunto coas aportacións enviadas polos usuarios da Cidade da Cultura.

A música non podía faltar á cita co coñecemento. Por iso, Laboratorio botou o pano cunha actuación a cargo de Javier Turnes á voz e Pablo Seoane no teclado, poñendo o punto e final a máis de doce horas nos que a Cidade da Cultura serviu de escenario para a reflexión e creación de coñecemento… en formato breve.

Letras & Pensamento
Santiago de Compostela, 28 de Novembro de 2011 a Santiago de Compostela, 05 de Setembro de 2012