O Pórtico da Gloria de Villaamil, o cadro ‘maldito’ na Moncloa

Vermellos, azuis, brancos, negros e dourados. Alguén asociaría o Pórtico da Gloria, xoia indiscutible da Catedral de Santiago, con estas vibrantes cores? Pois a pesar de que os nosos ollos non poden contemplalos, eses eran os tonos que lucía unha das maiores xoias do patrimonio artístico galego e meta última de todo peregrino.

A exposición Camiño. A orixe ofrece a posibilidade de imaxinar como era ese Pórtico colorido grazas a un óleo do pintor romántico Jenaro Pérez Villaamil, cedido por Patrimonio Nacional para esta mostra. Aínda que fantasioso en moitos detalles, este cadro de 1849 –que pode verse no segundo andar pechando a parte dedicada ao Peregrino- axuda a recrear o pórtico orixinal.

Poucos anos despois de que Villaamil decidise inmortalizar a súa beleza, en 1866, o italiano Domenico Brucciani, por encargo do museo británico Victoria & Albert de Londres, obtivo o permiso para elaborar unha reproducción en escaiola a tamaño real do Pórtico que aínda hoxe pode verse no museo de South Kensington. Mais o baleirado dos moldes acabou por levar todos os restos da policromía, deixando o Pórtico da Gloria tal e como hoxe o coñecemos.

Pero o cadro de Villaamil non destaca soamente por ser a única mostra da policromía do Pórtico, senón pola súa condición de cadro “maldito”. Pertencente a Patrimonio Nacional, o seu destino foi o Palacio da Moncloa. Mais non nas súas paredes. Conta a lenda que ningún dos presidentes de Goberno da actual democracia quixo ter nas súas salas este Villaamil. Por que? Iso xa queda á libre imaxinación de cada un.

 

Exposicións & Intervencións
Santiago de Compostela, 12 de Maio de 2015