Un #EAN10 para descubrir o talento emerxente que marcará o devir da arte galega

O Foro Aberto do X Encontro de Artistas Novos - #EAN10 achegounos reflexións sobre o íntimo e o público, o tempo e a perda, a raza e o xénero, o goce e o medo, a natureza e o abandono, o rural e o cosmopolita... Ao longo de catro xornadas viaxamos polo universo creativo de 40 artistas emerxentes de Galicia, descubrindo o mundo a través do seu xeito de mirar.

Eles tiveron a oportunidade de coñecer outros procesos creativos e disciplinas artísticas, tecer redes e amizades e establecer posibles sinerxías ou vías de colaboración nesta breve pero intensa residencia artística no Gaiás. Nós puidemos atoparnos fronte a fronte coas inquedanzas, intereses e enorme talento de toda unha xeración de nov@s artistas galeg@s que, desde disciplinas como as artes plásticas, a fotografía, o audiovisual, a arte téxtil, a cerámica, a experimentación sonora ou a performance, de seguro darán moito que falar nos anos vindeiros.

  • Influenciada pola música e con gran inquedanza no ámbito da semiótica, Acacia Ojea (Vigo, 1994) presentou no Foro Aberto do #EAN10 o seu traballo na investigación arredor da linguaxe fílmica, a creación sonora e a xestualidade como medio. IG: @akazi.e
  • Con formación en Belas Artes e deseño, Aldara Otero González (Vigo, 1997) presenta no #EAN10 o seu proxecto #PleaBaja, un libro de artista que percorre mediante imaxes e texto a súa visión poética de lugares como a Illa de San Simón e a praia de Cesantes. IG: @aldaraart
  • Artista plástica a cabalo entre o debuxo e a pintura, Alejandra Pardo (Compostela, 1997) centra a súa obra na representación do espazo relacionado coa súa condición de muller e outros aspectos autobiográficos. Presenta no #EAN10 "Avísame cando chegues á casa". IG: @alejandrapardoart
  • Alejandro Rego Díaz (A Coruña, 1993) artella o seu traballo a xeito de diario fotográfico no que a exploración da realidade é a condición para poder escapar desa mesma realidade, deixando atrás o caos e o ruído a través do silencio e a intimidade. www.alejandroregodiaz.com. IG: @alejandroregodiaz
  • O Colectivo LAG, formado por Lara Buyo (A Coruña, 1993) e Ana Corujo (Lugo, 1993), centra a súa traxectoria na arte de acción cunha óptica feminista, reflexionando sobre os vínculos e as relacións afectivas non normativas. IG: @colectivolag
  • Ana Gil (Ourense, 1973) alude á persistencia da memoria como un residuo latente nas súas series fotográficas. Traballa dúas liñas de investigación sobre a resistencia: a través da paisaxe e do espazo doméstico, como metáfora daquel@s que os habitaron. https://anagilrodriguezz.blogspot.com/ | https://www.galeriametro.com/

  • A fotógrafa Ana Núñez Rodríguez (Lugo, 1984) presentou no #EAN10 "Cociñando historias de patacas", un proxecto translocal entre Colombia e Galicia que explora os efectos da colonización nas nosas subxectividades, con raíces históricas que persisten ata hoxe. www.ananunezrodriguez.com | IG: @ana_nunez_rodriguez
  • Traballando na figura da súa nai como referente, o traballo de Andrea Otero Vázquez (Ribadavia, 1996) emprende unha viaxe diacrónica, mental, experimental e plástica cara ao autocoñecemento a través de proceso creativos abertos e en constante cambio. IG: @malditandrea
  • Entre o documental e a videoarte, o traballo de Antía Carreira (Lugo, 1995) estuda as posibilidades expresivas da mistura de diferentes artes visuais e afonda na complexidade das relacións establecidas polas persoas co seu medio e consigo mesmas. IG: @tonita_race
  • Voyeur, fotógrafa e cineasta, Arancha Brandón aborda a nostalxia, con especial atención á cor e aos obxectos. O proxecto fotográfico e editorial IDA reflexiona sobre o consumo, a identidade e a maternidade a través de construcións con naturezas mortas. www.aranchabrandon.com | IG: @arbricias
  • Traballando entre o deseño gráfico, a ilustración, a tipografia e as pequenas animacións, Bernardo Paz (Santa Uxía de Ribeira, 1984) presenta no #EAN10 un bestiario propio co que defender o humor e a personalidade: BER é o nome e ver, a ferramenta de xogo. IG: @b___e___r
  • Carmen Quintáns (A Coruña, 1994), é unha artista plástica cun traballo centrado na paisaxe, nas diferentes relacións que creamos co noso entorno e na ausencia delas ou o poder da paisaxe por si mesma. https://carmenquintans.com/ | IG: @caragalega

  • A obra de Cristina Chiarroni (A Coruña, 1993) fai unha relectura de elementos da vida cotiá a través de linguaxes como a cerámica, a arte téxtil, a instalación ou a performance, reflexionando sobre os vínculos familiares, o fogar ou o recordo infantil. IG: @cristinachiarroni
  • Carolina Brea Ageitos, a través de técnicas como o gravado sobre metacrilato ou o debuxo sobre tea, crea poéticas que reflexionan sobre as emocións humanas ou temas como o ocultismo, o tarot e a astroloxía. IG: @carolina.ageitos
  • Daniel Cerecedo Bretal (A Pobra do Caramiñal, 1988) reflexiona sobre tecnoloxía, arte e sociedade combinando o tradicional e o innovador, o manual e o mecánico, o real e o virtual nunha obra que procura o desconcerto e o cuestionamento da realidade. http://www.danielcerecedobretal.com/ | IG: @danielcerecedobretal
  • A cabalo entre o analóxico e o dixital, a escultura e o deseño gráfico, Eva Quinteiro Blanco explora materiais para presentar unha arte viva, perecedeira e cambiante, que só quede na memoria cando desapareza a pegada do traballo da artista. IG @quinta_eira
  • Fran Rodríguez Casal enfoca o seu traballo na relación e interacción da persoa co entorno, tanto en fotografía como en vídeo. No proxecto fotográfico #Anacos explorar as conexións entre o pasado e presente no rural galego. www.rodriguezcasalfran.com | IG: @franrodriguezcasal
  • Con experiencia en dirección, guión e montaxe cinematográfica, Isaac Rivadulla Matalobos centra os seus proxectos na experimentación de xéneros e formatos audiovisuais, conectando coa cultura visual do espectador e as novas formas de consumir contido. www.isaacrivadulla.com | IG: @aistronauta

  • A artista visual Judith Adataberna desenvolve o seu traballo no cinema experimental, a fotografía e a video-instalación. O seu traballo válese da natureza para ensaiar sobre paradigmas da percepción e dos misterios da conciencia. www.adataberna.com | IG: @adataberna
  • Julio Catalán Rubinos (Ribeira, 1995) centra o seu traballo na investigación das primeiras fases dos procesos pictóricos e escultóricos, á procura dunha arquitectura do espazo baleiro, nunha realidade nómada presente desde a prehistoria ata hoxe. IG: @meeuw3
  • Lara Castro emprega o audiovisual como ferramenta plástica. Nel atopa unha fiestra cara ao soño do cotián, cara ao fantástico das cousas, dos corpos e ata do propio medio. No seu último proxecto retoma a fascinación infantil do tempo e da oscuridade. IG: @larcalem
  • A arte de Laura Navarrete [@Es LaUna] inclúe desde pinturas a instalacións nunha ampla variedade de temáticas e formatos, con elementos constantes como o azar, a natureza ou as ciencias da complexidade.
  • O individuo en relación coa sociedade é un dos temas principais na fotografía documental de Marta Pereira (Ourense, 1994). Creando diálogos entre opostos, enfronta o íntimo e o público, a presencia e a ausencia e o individuo fronte ao colectivo.
  • Artista interdisciplinar, xestora e docente, María Magán Lampón aposta pola creación dun espazo para a arte desde unha fórmula empresarial [@la doce]. O seu último traballo xorde co obxectivo do seu goce persoal mentres o demais "xa non importa nada". www.mariamaganlampon.es | IG: @mariamaganlampon

Docente na EASD Antonio Faílde, Ofelia Cardo (Valencia, 1967) presentou no #EAN10 dous proxectos nos que cuestiona o binomio natureza/muller e afonda na desmemoria e o esquecemento da Guerra Civil Española. www.ofeliacardo.com | IG: @ofelia_cardo 

Con perspectiva de xénero como premisa central e baixo a mirada do tempo no que vive, a arte de Paula Tarrío (A Estrada, 1996) proponse enxalzar o auténtico e o inoportuno, o banal e o ordinario, fronte ao aburrimento do elocuente e o sorriso forzado. IG: @lamodernademierda

Profesor adxunto na Universidade de Música e Drama de Hamburgo (HfMT), Pedro González compaxina na súa obra a performance coa vídeo-instalación, a danza, o teatro y o uso de novas tecnoloxías aplicadas á creación escénica. http://www.pedrogonzalez.es/ | https://www.youtube.com/user/loopsoups | IG: @p.gonzalezfernandez

O traballo de Roquekes convídanos ao xogo a través das paradoxas presentes en ditos, proverbios e refráns: fiestras a outras posibilidades sen un afán transcendental nin á procura da broma, senón como unha mostra de que sempre hai outra posibilidade. IG: @roquekes.

Artista plástica especializada en arte téxtil, Sandra Parguiña (Pontevedra, 1995) afonda a través do debuxo, a ilustración e a moda na súa querencia pola Historia global e individual: na necesidade de relatar os feitos para que perduren no tempo. sandraparguina.es | IG: @sandraparguina

O traballo de Sebastián Sandoval Quimbayo (Bogotá), cavila sobre a percepción auditiva e a escoita como experiencia vulnerable ante a percepción visual, reflexionando sobre a escoita sensible a través de instalacións, esculturas ou composicións sonoras. sebastiansandovalquimbayo.com | soundcloud.com/user-696361053

Influenciado pola natureza cambiante da arte urbana, a obra pictórica de Sergio Femar (O Porriño, 1990) é moi consciente da materia da que se compón así como da súa procedencia. No seu traballo, estes actos son transformados en pinturas centradas no xesto e no mesmo acto de pintar, reflectindo o momento presente e o cambio constante da sociedade. sergiofemar.tumblr.com | IG: @femarsergio

Nado no rural, Sergio Marey (Rois, Pol, 1997) fórmase en música tradicional, deseño de moda e diferentes oficios de artesanía. Especialízase no deseño e confección de bolsos, ao tempo que está a explorar actualmente a arte escultórica. www.sergiomarey.com | IG: @sergy_deRois

Tanto na pintura como na imaxe en movemento, Sol Mussa (Vigo, 1996) procura narrativas inconvencionais baseadas en procesos de ocultación. Afonda no eido etnográfico a través de temas como o latente ou o que non se percibe facilmente. solmussa.cargo.site | IG: @solmussa 

Arquitecta, docente e investigadora, Ebebe Miranda | Tiffany López Ganet (Oleiros, 1990) recorre á arte para pensarse como muller, negra, bubi e galega. A partir da súa procura e do traballo da comunidade afro, fálanos de raza, xénero, identidade, diáspora, pertenza e poder. IG: @ebebesoneu

A produción plástica de Xoana Pousa (A Coruña, 1996) céntrase na súa experiencia coa feminidade na que se nos educa e como inflúe nas relacións persoais, a través dunha estética e punto vista infantil e adolescente, influenciado polos medios de masas. IG: @cuchiflainas

Pecha o Foro Aberto do #EAN10 Yuri Salgado Álvarez (Perú, 1996), artista multidisciplinar centrado no vídeo e na ilustración dende a experimentación constante, que afonda nas emocións, o medo e a vulnerabilidade do ser humano. www.behance.net/yurisalgadoalvarez | @yurisalgadoalvarez

Santiago de Compostela, 28 de Agosto de 2020