Pop para o Atardecer: Litoral, Hola a todo el mundo e Fon Román

Atardecer no Gaiás non para nesta semana festiva. A Cidade da Cultura colga un cartel completamente pop con algunhas das bandas alternativas máis importantes do momento: Litoral, Hola a todo el mundo e o vigués Fon Román. Tres actuacións imprescindibles que farán do solpor deste xoves, venres e sábado o mellor momento da semana.

Nunha viaxe costeira do Mediterráneo ao Atlántico, a praza central do Gaiás acolle este xoves, 16 de agosto, ao grupo Litoral cunhas cancións cargadas de nostalxia que evocan o mellor do seu mar. Nado da necesidade de compoñer por parte dun grupo de amigos, este sexteto afincado en Madrid está formado por algúns dos habituais da escea musical española como Pau Roca, guitarrista de La Habitación Roja, ou Iván Cuevas á voz. Folk mediterráneo en catalán que canta o que se perde ou o que nunca se tivo nun escenario único: a Cidade da Cultura de Galicia.

E para os que lle gustan a xolda de verdade, o venres é a quenda de Hola a todo el mundo e os seus ecos folk. Convertido nun dos grupos de referencia con máis futuro do panorama musical folk-pop español con tan só dous discos, Hola a todo el mundo levará ata o Gaiás míticos temas con pequenos retoques, algunha que outra versión e o avance do seu novo LP: Ultraviolet catastrophe. Un concerto para gozar ao máximo que non estará exento dalgunha sorpresa.

E o sábado chegará ao atardecer un músico e autor de referencia no panorama rock-pop galego e español: Fon Román. O que foi guitarrista do mítico grupo vigués Los Piratas, comezou en 2006 a súa carreira en solitario, experimentando mesturas artísticas en cancións nas que non é posible distinguir onde remata a poesía e comeza o pop. Os temas de Entretelas, o seu segundo disco, centrarán un concerto en pequeno formato no que terán cabida algúns dos himnos que o colocaron no máis alto do pop actual.

Todos os concertos comezan ás 21:00 horas, teñen entrada libre e de balde e celébranse na praza central da Cidade da Cultura. No caso de que o tempo non acompañe, a actuación realizarase baixo cuberta. Ademais, todos aqueles que desexen acceder e baixar do Gaiás en autobús urbano, pode facelo a través das liñas 9 e C11, tamén en festivo.

Música & Escena
Santiago de Compostela, 13 de Agosto de 2012