O Gaiás ábrelle as súas portas aos artistas novos

Eres novo, queres dar a coñecer o teu proxecto artístico e entrar en contacto con outros axentes do sector? O II Encontro de Artistas Novos é a túa oportunidade. Do 9 ao 14 de setembro, a Cidade da Cultura volve a convertirse nun espazo de convivencia e intercambio de coñecemento e ideas, no que cen mozos poderán compartir experiencias, coñecer de preto as infraestruturas culturais galegas relacionadas coa arte contemporánea e entrar en contacto con destacada personalidades do sector.

Tras o éxito do 2011, o Encontro de Artistas Novos convoca esta segunda edición dirixida a mozos nacidos entre 1977 e 1994 (ambos inclusive), que sexan estudantes ou licenciados en Belas Artes ou afíns ou todos aqueles que demostren ter unha traxectoria ou proxecto artístico. Só tes que realizar a inscrición antes do 16 de xullo ás 15:00 horas. Consulta o programa e as bases e non deixes pasar esta oportunidade única.

Durante estas seis xornadas, os cen participantes poderán reflexionar sobre aspectos esenciais da creación artística contemporánea e outros máis concretos e relacionados coa construción dunha obra e a súa proxección no mundo real. Ademais de favorecer a convivencia entre artistas galegos e procedentes doutros lugares, o Encontro favorecerá o debate sobre a situación actual da arte contemporánea, proporcionará un espazo de encontro e intercambio de coñecementos de ideas entre artistas e outros axentes do sector como críticos ou comisarios e daralle aos participantes a posibilidade de coñecer as principais infraestruturas da comunidade galega dedicadas á arte contemporánea. Así, ao longo das seis xornadas de convivencia, os participantes, ademais de coñecer polo miúdo o complexo do Gaiás, realizarán visitas ao Centro Galego de Arte Contemporáneo (CGAC), ao Museo de Arte Contemporáneo de Vigo (MARCO) e ao Museo de Arte Contemporáneo Unión Fenosa Gas Natural da Coruña (MACUF).

Xunto a estas saídas, os participantes asistirán a unha serie de conferencias impartidas por artistas de recoñecido prestixio nos circuitos nacionais e internacionais da arte contemporánea como os ourensáns Carlos Maciá ou Jorge Perianes ou a catalana Montserrat Soto, un dos nomes imprescindibles da arte española nas últimas décadas. Estas charlas permitiralles aos participantes, ademais, entrar en contacto con outras traxectorias e procesos de produción artística. De feito, entendendo que é preciso establecer redes de intercambio entre novos artistas e axentes do sector co fin de estimular a colaboración, este II Encontro de Artistas Novos incorpora unha nova figura: os “Art Followers”, observadores ou todos aqueles comisarios, críticos, editores, etc, que apoian aos novos creadores e que queren estar ao corrente das novidades do artista emerxente e os seus proxectos artísticos. Figuras como David Barro, Javier Díaz Guardiola, Guillermo Espinosa, Laura López Marín, Tania Pardo, Sergio Rubira e Manuel Segade serán os críticos ou comisarios que, neste evento, actuarán como observadores.

Como complemento a todo isto, o II Encontro de Artistas Novos celebrará un Foro Aberto no que todos os participantes terán a posibilidade de realizar unha presentación pública centrada no seu traballo e proxecto creativo persoal, servindo de plataforma e escaparate das súas creacións.

A Cidade da Cultura convoca un total de cen prazas, que inclúe a matrícula de inscrición, estancia en réxime de pensión completa no complexo do Monte do Gozo de Santiago de Compostela dende o domingo 9 de setembro ata o venres 14 de setembro (ambas as dúas inclusive), transportes diarios dende o Monte do Gozo ata a Cidade da Cultura e as visitas ás cidades de Vigo e A Coruña.

Santiago de Compostela, 09 de Maio de 2012