Juan Navarro

Recoñecido arquitecto, Navarro tivo as súas primeiras aprendizaxes en deseño e pintura na Escola de Belas Artes de San Fernando e na ETS de Arquitectura de Madrid.

Autor de proxectos como o Museo e Centro de Investigación das Covas de Altamira, os edificios da Presidencia e de catro consellerías da Junta de Estremadura ou a ampliación e Biblioteca do Centro de Música Woolworth de Princeton, foi ademais merecedor do Premio Nacional de Artes Plásticas en 1990.

Artista, arquitecto e pintor, Juan Navarro imparte os seus coñecementos como catedrático de Proxectos Arquitectónicos na Escola de Arquitectura de Madrid.

 Juan Navarro Baldeweg [www]

 

Proposta para a Cidade da Cultura

 

O solo onde se asenta está modelado en socalcos que se adaptan perfectamente ás terrazas naturais. No proxecto, as pezas dispóñense atravesando e arrodeando o territorio, fixando niveis, marcas horizontais que se estenden sobre todo o conxunto e que son indicadores do artificial como grandes unións na topografía.

A súa forma xeral poligonal arrodea a lomba e a súa sección adáptase á inclinación das pendentes. Esta liña ráchase creando varios episodios que se entrelazan a zonas arborizadas. Esta fragmentación ten como obxectivo asegurar a boa escala e tamén facilitar a accesibilidade e comunicación das áreas de interior e exterior do anel que forman.

A estrutura das grandes pezas acristaladas é de formigón e está constituída por uns pórticos, cada 25 metros, unidos por unhas trabes de sección estreita e moi altas (3 metros x 0,4 metros) que actúan de parasoles internos. A súa inclinación está definida pola orientación dos pavillóns e o programa que albergan. A cuberta graduada de cristal introduce, controlada, a luz, e baña os espazos interiores das salas cunha atractiva luminosidade.

O outeiro de Gaiás queda libre, con céspede, e ao seu pé sitúanse unhas bancadas, un lugar privilexiado para sentar e contemplar a cidade.

Unha ponte-miradoiro curva sobrevoa o bosque galego na valgada do Viso e dende ela contémplase, próxima ou afastada, a ondulante e sinuosa terra. Dende este observatorio pódese admirar unha natureza non perturbada polo visitante. Nese bosque, o teixo, a aciñeira, o castiñeiro ou o piñeiro cobren, como un traxe cinguido, a superficie que descende e que vemos dende o alto.