O catálogo de 'Pensar coas mans' galardoado nos Premios Laus 2020 de Deseño

 
O catálogo da mostra Pensar coas mans. Cestería, cerámica e xoeiría de Galicia recibirá un dos Premios Laus 2020 da Asociación de Deseñadores Gráficos e Directores de ARTE da ADG-FAD . Trátase dos galardóns de deseño de maior prestixio en España e un dos máis importantes a nivel europeo. O 26 de novembro coñecerase con que distinción --Ouro, Prata ou Bronce-- será recoñecida esta coidada publicación.
 
Desde a Cidade da Cultura dámoslle os parabéns ao estudio galego de deseño desescribir a quen o equipo de Exposicións do Museo Centro Gaiás encargou o catálogo como unha peza importante máis de difusión da ampla mostra sobre a artesanía galega e que a Cidade da Cultura de Galicia acolleu na primavera-verán de 2019 espertando o interese de máis de 30.000 persoas.
 
En anos anteriores, o estudio desescribir foi recoñecido con 10 Premios Laus de Ouro, Prata e Bronce, dous Premios D& AD de Londres ou o Premio PHotoEspaña ao mellor libro de fotografía publicado en España.
 
Exposicións & Intervencións
Santiago de Compostela, 29 de Setembro de 2020