O 2014 comeza no Gaiás con Nexos

O 2014 comeza no Gaiás con Nexos. A cultura contemporánea a través das letras, o ciclo co que a Cidade da Cultura busca establecer un diálogo entre a literatura e outras áreas do coñecemento. Serán catro sesións nas que se combinarán relatorios con actuacións artísticas que darán lugar a reflexións estimulantes desde un formato lúdico e orixinal.

Nesta segunda edición de Nexos, exploraremos a pegada bélica na cultura europea cando se cumpre un século da I Guerra Mundial; preguntarémonos se as letras das cancións se poden considerar un xénero literario; renderémoslle unha homenaxe a Octavio Paz, un dos máximos expoñentes da intelectualidade latinoamericana; e analizaremos a presenza do 'malditismo' nas artes.

A primeira sesión terá lugar o 1 de febreiro e levará por título 1914 e a pegada da guerra na cultura occidental. Cando se cumpren cen anos do inicio dun conflito bélico que cambiou para sempre a Historia e o devir da civilización –a I Guerra Mundial-, Nexos reflexionará sobre a guerra como fenómeno ancestral, constituínte das sociedades modernas e cuxo magma de brutalidade permanece latente. E farao da man do escritor e xornalista Miguel Anxo Murado e a actriz e escritora Deborah Vukusic. As inscricións -totalmente de balde, como sempre- xa están abertas.

Programa:

1 Febreiro | 1914 e a pegada da guerra na cultura occidental. Co relatorio de Miguel Anxo Murado e recital poético a cargo de Deborah Vukusic.

8 Marzo | As letras das cancións... son literatura? Relatorios de Sérgio Godinho e Uxía e posterior actuación musical de ambos os dous artistas.

12 Abril | Octavio Paz, pedra angular das letras mexicanas. No centenario do seu nacemento. Relatorios do poeta Pere Gimferrer e o profesor de filosofía Rafael Martínez Castro coa posterior proxección audiovisual a cargo do CGAI.

10 Maio | Malditos, transgresores, inadaptados... A excentricidade como pauta de creación e vida. Relatorios de Félix de Arzúa e Bieito Iglesias e posterior perfomance poética con Maite Dono.

Letras & Pensamento
Santiago de Compostela, 08 de Xaneiro de 2014