Dialoga coa Cidade da Cultura a través de ‘Fluxograma’

Idea, crea e expón. Cos dedos como pincel e unha estación de debuxo táctil como soporte, dialoga coa Cidade da Cultura a través de Fluxograma, proxecto de Anna Carreras e Ramón Illobre que abre o Gaiás ao público ao converterse no primeiro artista en expoñer a súa obra no Museo de Galicia.

Formado por tres estacións de debuxo táctil, Fluxograma permítelle ao visitante xerar a súa propia creación tomando os seus dedos como pincel. En cada pantalla, un número simbólico de partículas –tantas coma habitantes da comunidade galega– funciona a modo de “pintura virtual” que o “artista” deberá converter en trazos ata conformar o deseño final que se proxectará no gran lenzo en branco que é a parede do Museo de Galicia.

Enmarcado na exposición Inside 2012, o proxecto de Carreras e Illobre traslada a idea da mostra –o diálogo dos creadores contemporáneos cos diferentes espazos da Cidade da Cultura- ao propio visitante. Non se trata dunha obra artística ao uso, senón un proxecto que busca que o público “xogue” e dialogue cunha arquitectura espectacular e que se divirta no proceso. En palabras de Illobre, que “todo o mundo se sinta parte do Museo” aportando a súa creatividade gran a gran, concretamente, os máis de 2.700.000 puntos que dan pé ao debuxo e que fan referenza a poboación da comunidade: “Entre todos os galegos se constrúe a obra”. Unha idea de participación e interactividade que se traslada á propia proxección, coa que o público pode establecer un diálogo a través dos seus movementos.

Unha filosofía de participación que Carreras e Illobre toman do movemento Fluxus, corrente artística que destaca o aspecto efluente dunhas obras que nacen e morren practicamente no mesmo lugar e momento no que se crean, dando como resultado unha actuación interactiva na que a participación do espectador é fundamental.

Fluxograma é o primeiro dunha serie de proxectos artísticos e actividades culturais que completarán e enriquecerán a visita ao Museo de Galicia ata a súa inauguración, que terá lugar coa posta en marcha da primeira gran exposición do edificio: Gallaecia Petrea. Ata entón, o acceso ao Museo será libre e sen previa reserva na web, de martes a domingo de 10:00 a 14:00 e de 16:00 a 20:00 horas, ao igual que aos outros dous edificios xa en funcionamento: a Biblioteca e o Arquivo de Galicia.

Santiago de Compostela, 06 de Febreiro de 2012