Galicia no conflito: tirando dos fíos das historias da II Guerra Mundial en 'Galicia, un relato no mundo'

Zona de fuxida e de espionaxe, bañada por augas en permanente zona de combate, ou fornecedora dun mineral de wolframio indispensable para a industria bélica. Durante a II Guerra Mundial, e malia definirse España como ‘país non belixerante’, o territorio galego tivo grande importancia estratéxica para os dous bandos en conflito, e a través da mostra Galicia, un relato no mundo podemos desvelar esta parte da nosa historia a través dos testemuños e historias que este gran conflicto bélico deixou no noso país. 

Historias na forma de, por exemplo, as condecoracións de combatentes como Ángel Rodríguez Leira, alcumado ‘Cariño López’ pola súa localidade de procedencia, onde fora percebeiro e mariño antes de estalar a Guerra Civil. Cariño López foi un dos galegos que entraron na vangarda do exército aliado para liberar París, formando parte da famosa Compañía de choque da II División Blindada do Xeneral Leclerc (‘A Nove’). 

Na noite do 24 de agosto de 1944, a ‘Nove’ foi a primeira unidade en chegar ata o Hôtel de Ville, o concello de París. En dous días, a capital francesa foi liberada, nunha vitoria que marcou o principio da fin da Guerra. O percebeiro ‘Cariño López’chegou a sarxento e loitou aínda na liberación de Estrasburgo, e incluso chegou ata o Niño de Aguia, o refuxio alpino de Hitler en Berchtesgaden (Austria) ás ordes do xeneral Patton.

Redes de espionaxe

Baseados na condición pseudo-neutral do Estado, aliados e alemáns despregaron amplas redes de espionaxe e información en territorio galego. Os seus obxectivos non eran só de carácter industrial ou sobre os movementos portuarios: tamén estritamente militares. Galicia en 1943 puido converterse na Normandía de 1944 e vivir o desembarco dos aliados no continente. A rede británica de espionaxe dirixida por Lorenzo San Miguel, que contaba con preto de cen enlaces, atinxía toda a zona costeira do norte español. Informaban das posibilidades dun desembarco aereonaval aliado nas provincias da Coruña e Lugo, feito que nunca chegaría a concretarse xa que a rede caería en outubro de 1943.

En Galicia operaban numerosas redes de información, tanto ó servizo do Eixe coma dos aliados, radios que se comunicaban directamente con Berlín a altas horas da madrugada, e tamén emisoras clandestinas que enviaban información a Londres. A súa condición de ‘clandestina’ dependía do rumbo da guerra.

A Batalla de Bares

Outro dos episodios nos que se mergulla a mostra arrincaba o 10 de novembro de 1943, cando tivo lugar un dos habituais enfrontamentos entre alemáns e aliados na costa norte de Galicia. Avións da mariña estadounidense e da RAF británica atacaron ao submarino alemán U-966.

Seriamente dañado, o pecio intentou chegar ás costas galegas mentres rexeitaba os ataques con fogo antiaéreo pero, vendo que as posibilidades de chegar a terra eran nulas, o tenente de navío Eckehard Wolf decidiu afundir a nave na ría do Barqueiro, non sen antes abater un avión británico. Morreron 14 persoas e sobreviviron 42 –entre eles o comandante Wolf– que foron auxiliadas polos mariñeiros locais e ficarían xa para sempre sentimentalmente vinculadas a Galicia.

Santiago de Compostela, 19 de Decembro de 2019