Representantes do MoMA ou do Pompidou debatirán no Gaiás

O Foro Internacional de Espazos para a Cultura, que se celebrará os días 8, 9 e 10 de novembro na Cidade da Cultura e que se emitirá en streaming, reunirá aos representantes dalgunhas das institucións culturais máis prestixiosas do mundo como o MoMA, o IRCAM-Pompidou, a Biblioteca de Alexandría, o Smithsonian, o Barbican Centre ou o Museo de Arte de Sao Paulo, así como de destacados centros nacionais como o Niemeyer, La Casa Encendida ou o Centre de Cultura Contemporánea de Barcelona (CCCB).

Co título de “Infraestruturas culturais: sustentabilidade e retos de futuro”, nesta primeira edición, analizarase o papel das infraestruturas culturais como factores de desenvolvemento económico, como polos para atraer proxectos empresariais ou como plataformas para a proxección da imaxe dunha comunidade no exterior.

Ismail Serageldin, director da Biblioteca de Alexandría; Allegra Burnette, responsable do MoMa.org; Natalio Grueso, director do Centro Niemeyer; José Guirao, director de “La Casa Encendida”; Frank Madlener, director do IRCAM-Pompidou, ou Sheryl L. Kolasinski, directora de Operacións e Infraestruturas do Smithsonian serán algúns dos participantes neste encontro, que abre un espazo para intercambiar estratexias destinadas a afrontar os retos derivados dun tempo cambiante.

O aforo é de cen prazas: oitenta para profesionais do ámbito da xestión cultural e vinte para estudiantes. Se estás interesado en participar, en breve atoparás os boletíns de inscripción e o programa completo en www.fiec-cidadedacultura.org. O custe será de 50 euros para estudiantes e 80 para profesionais e o prazo de admisión de solicitudes remata o 24 de outubro. Ademais, será posible seguir as conferencias en streaming na dirección www.fiec-cidadedacultura.org.

Santiago de Compostela, 21 de Setembro de 2011