Teatro e música protagonizan BrincaGaiás 2014

Tres chefs en apuros cociñando as receitas da nosa gastronomía, un baile de máscaras que se converte nunha viaxe musical coa nena e o grilo e un concerto co pop máis molón, un mundo onírico de soños e sombras que nace nun xardín, xogos na bañeira… Xa está de volta BrincaGaiás, o ciclo que a Cidade da Cultura buscar achegarlle aos máis pequenos da casa a paixón pola música, o teatro ou a danza a través do xogo.

Será  a través de catro espectáculos onde os nenos volverán ser protagonistas ao tempo que lle collen gusto polas artes escénicas. 

A estrea será o vindeiro 15 de febreiro no Museo Centro Gaiás cando se leve á escena a obra Bon Appetit, protagonizada polos chefs Antuá de la Sardiní, Philip de Toucignom e Fransuá de la Berenxem. Eles serán os encargados de ensinarlle a grandes e pequenos os segredos da cociña tradicional galega seguindo o prestixioso libro de receitas de Álvaro Cunqueiro: A Cociña galega

Un espectáculo cheo de humor,  explosións, tortazos, persecucións e malos entendidos que se convertirán nos ingredientes perfectos para escachar coa risa. As entradas están á venda a partir deste xoves, 30 de xaneiro, no Punto On da Cidade da Cultura a 5 euros aos que hai que sumarlle os gastos de xestión no caso de adquirirse en www.servinova.com. Esta primeira sesión de BrincaGaiás conta cunha entrada familiar (catro entradas a 15 euros), que tan só se pode adquirir en venda anticipada a través do teléfono de Servinova 902 504 500.

Entroido musical

O entroido máis divertido deste 2014 estará no Gaiás, xa que o luns 3 de marzo a partir das 17:00 horas, todo aquel que acuda disfruzado ata o Museo Centro Gaiás poderá gozar de balde dunha divertida tarde cos musicais ‘A nena e o grilo’ e ‘Petit Pop. 

Para arrancar a tarde embarcarémonos xunto á nena e ao grilo nunha emocionante aventura coa que descubrir o mundo e os seus segredos. A solidariedade, o respecto cara a natureza, a identidade, o desenvolvemento do universo afectivo e a curiosidade por todo o que nos rodea guiarán unha viaxe teatral con banda sonora en directo.

Tras esta viaxe iniciática chegará a hora do pop máis molón. Formigas, queixo branco, unha visita ao zoo ou aventuras de piratas serán os protagonistas de Petit Pop, un concerto máis que divertido no que o público interactuará coa banda formada por membros de Pauline en La Playa, Nosoträsh, Undershakers e Edwin Moses. 

Os pequenos da casa, protagonistas

Como xa vén sendo habitual, os máis pequenos da casa serán protagonistas na programación infantil da Cidade da Cultura. A eles dedícanse as dúas seguintes sesións de BrincaGaiás a través das obras teatrais No xardín e Á auga, pato!.

No xardín é unha experiencia visual lúdica a través do teatro, o vídeo, as sombras e os debuxos pensada para nenos de 1 a 4 anos. A obra conta a historia dunha muller que, sentada no seu xardín, iniciara unha viaxe polo mundo das imaxes, coas que poderá xogar e plasmar emocións.  O espectáculo terá lugar no Museo Centro Gaiás en dous pases de tarde: 17 e 19 horas e conta cunha duración duns 40 minutos. 

A última das sesións antes do verán será Á auga pato!, unha divertida comedia para nenos de 0 a 6 anos que terá lugar o 24 de maio. Con dous pases -17 e 19 horas-, o espectáculo descubrirá o mundo que xorde unha vez nos metemos na bañeira, con tesouros, amigos, illas e escuma de mar. 

En familia
Santiago de Compostela, 29 de Xaneiro de 2014
 
Petit Pop