Pop finés, pasaxes poéticas e música clásica, esta semana en Atardecer

Nesta primeira fin de semana de agosto non podes quedar na casa! A Cidade da Cultura tenche preparado un bo menú no ciclo Atardecer no Gaiás: o dúo finés Le Corps Mince de Françoise, a poesía de Olalla Cociña e o dúo clásico formado por Jorge Montes e Alejandro Sanz.

O primeiro prato comeza hoxe, xoves, co espectáculo a cargo da nova poetisa Olalla Cociña e o músico Bernardo Martínez, que presentarán “Polares”, unha escolma de “misterios cotiáns e frases que non rematan”. Será a partir das 21.00 h na praza da Cidade da Cultura.

O venres 5 saudaremos o lusco e fusco no Gaiás co pop alegre e bailable das irmás Emma e Mia Kemppainen. Le Corps Mince de Françoise presentará o seu celebrado album debut ”Love & Nature”

A música clásica reservámola para o sábado 6, cando o dúo formado por Jorge Montes e Alejandro Sanz interpretará pezas como “Marimolin” de Thomas Oboe Lee (marimba e violín), “O pulcre facies” de Fernando Buide (violín), os “Tres microestudos para marimba” de Karolis Biveinis “e Legal Highs”, a obra para violín e marimba de David P. Jones.

Lembra que todas as actuacións de Atardecer no Gaiás son ás 21.00h na praza da Cidade da Cultura e que a entrada é de balde! Non tes escusa para te aburrir!

Música & Escena
Santiago de Compostela, 04 de Agosto de 2012