Os “guerreiros” de Miquel Navarro chegan ao Gaiás

Miquel Navarro (Mislata, Valencia, 1945) celebra en 2012 unha traxectoria de corenta anos que o levou ao cumio como un dos grandes referentes da arte contemporánea española. Frisando este aniversario, a Cidade da Cultura inaugura hoxe a súa serie Figuras para a batalla.

Son vintecatro esculturas en aluminio mariñado macizo mecanizado duns tres metros e medio de altura, concibidas expresamente para a praza da Cidade da Cultura, o que converte a esta exposición nun evento exclusivo e que deixa patente, unha vez máis, o interese de Navarro por ligar a súa obra co espazo no que se sitúa.

Os “guerreiros” de Navarro establecen un emocionante diálogo entre arquitectura e escultura, nunha composición que nos lembra, dalgún xeito, aos guerreiros de terracota de Xi’an, en China, considerados a oitava marabilla do mundo.

Se hai algo que fai singular a estas figuras é o contraste entre o aire impersoal do aluminio e o individualismo das pezas, cada unha lixeiramente distinta, que chama por unha identificación persoal da coa figura humana do guerreiro, da que son forma estilizada.

Conforman as vintecatro esculturas de Miquel Navarro un pequeno exército preparado para a batalla, que, segundo declaracións do propio artista, evoca a loita cotiá pola supervivencia.

Figuras para a batalla constitúe unha ocasión única de ver a obra deste artista cuxa traxectoria, da que en 2012 cúmprense 40 anos, o situou como un dos grandes referentes da arte contemporánea.

Exposicións & Intervencións
Santiago de Compostela, 01 de Xullo de 2011