Dalí, imaxe da moda galega

Converter un dos máximos representantes do surrealismo en imaxe da moda galega. Ficción ou realidade? Pois grazas a Confecciones Regojo, un feito histórico do noso téxtil.

Confecciones Regojo "fichou" nos anos 60 a Salvador Dalí para publicitar o seu produto estrela: unha camisa á que non era preciso pasarlle o ferro. Dalí prestou o seu nome e imaxe a cambio de 125.000 pesetas e unha peseta por cada camisa vendida. Ese contrato estará presente na exposición Con-Fío en Galicia, a nova mostra do Museo Centro Gaiás que analizará o sector do téxtil e da moda galega, poñendo en valor algúns dos seus fitos históricos.

Regojo, 3ª firma téxtil de España

A pesar de que hoxe moi poucos oiron falar de Confecciones Regojo, a firma chegou a ser a terceira firma téxtil máis importante de España, só por detrás de El Corte Inglés e Cortefiel. Tras implatarse en Redondela na década dos 20, a firma alcanzaría o seu máximo esplendor nos anos 70, coa chegada da segunda xeración Regojo á factoría. Foi nese momento cando se comezaron a fabricar as agora coñecidas como Camisas Dalí, unha nova prenda confeccionada a base de algodón con poliéster e acaba en siliconas, toda unha revolución xa que supuxo a introducción de fibras sintéticas na confección.

Esta innovación só podía ser vendida por alguén arriscado e moderno. E aproveitando que un dos fillos do fundador, Pedro Regojo, estaba en Barcelona abrindo unha oficina de venda, achegouse a Cadaqués e convenceu a Dalí para que prestase o seu nome e imaxe a cambio de 125.000 pesetas e unha peseta por cada camisa vendida. Regojo chegou a vender un millón de camisas ao ano durante toda a década dos 70. De feito, a revista Ciudadano chegou a asegurar que un de cada catro españois nos anos 70 levaba unha camisa Regojo. Isto levou a un crecemento da factoría de Redondela, que chegou a contar con máis de mil empregados e era capaz de fabricar máis de 10.000 camisas ao día, 5.000 vestidos e blusas e 30.000 metros de tintura e estampados.

Tras este éxito, o panorama económico mudaría para sempre o sector téxtil e Confecciones Regojo iría apagándose ata o seu peche definitivo en 1987, non sen antes deixar o seu nome grabado na historia téxtil de Galicia.

 
Exposicións & Intervencións
Santiago de Compostela, 03 de Marzo de 2016