Comparte, vive e sinte a música con Galician Connection

Catro días para compartir vivencias, experiencias e pensamentos ao redor da música. Do 18 ao 21 de abril, o Museo Centro Gaiás volve acoller Galician Connection, un laboratorio musical a cargo de oito grandes artistas internacionais con clases prácticas, encontros “cara a cara”, foros, charlas, jam session e un gran concerto de clausura.

Tras reunir o ano pasado ao gran músico cubano Paquito D’Rivera, Sandeep Das, Emilio Solla, Josep Vicent e os galegos Anxo Pintos e Guadi Galego; Galician Connection 2013 contará coa presenza do saxofonista e flautista recoñecido recentemente como mellor artista de Jazz europeo, Jorge Pardo; Wu Tong, considerado unha das figuras máis importantes da música tradicional chinesa; o director de orquestra e pianista de jazz cubano Omar Sosa; o violinista e emprendedor americano residente en Afganistán, William Harvey; o percusionista e especialista en músicas tradicionais Eliseo Parra; o acordeonista de jazz galego e residente nos Estados Unidos, Víctor Prieto; a cellista e cantante galega Rosa Cedrón; e o percusionista galego Isaac Palacín.

Programa formativo exclusivo

Galician Connection 2013 ofrece un programa de formación exclusivo impartido por estes oito mestres da música, que  inclúe clases prácticas, asistencia a ensaios e encontros "cara a cara". Os inscritos terán a oportunidade de concertar pequenas entrevistas individualizadas co artista que desexen coñecer profesionalmente, ao tempo que accederá a workshops onde afondar no coñecemento de distintas realidades musicais do mundo e aproximarse a instrumentos singulares e aos ensaios preparatorios do gran concerto final.

A inscrición ao programa formativo de Galician Connection ten unha matrícula de 90 euros, reducida no caso de que sexan estudantes (70 euros). Para realizar a inscrición só hai que entrar en www.cidadedacultura.org e cubrir o formulario online dispoñible.

Foro de Emprendemento Cultural

Xunto o programa formativo, o Galician Connection 2013 celebrará un Foro de emprendemento cultural con catro casos de éxito a cargo dos seus responsables: Laura Freid, directora executiva do Silk Road Project; o músico William Harvey, responsable da organización Cultures in Harmony; un dos fundadores da empresa Piranha Musik, responsable da feira internacional Womex; e Joaquín Martínez, director de Esmerarte Servicios Artísticos, unha empresa referente dentro do sector musical galego e nacional.

Ademais dos inscritos ao Galician Connection, o Foro de Emprendemento Cultural ábrese a todos os profesionais das industrias culturais totalmente de balde. O Foro terá lugar o xoves 18 de abril a partir das 17:00 horas no Museo Centro Gaiás e para participar só é necesario inscribirse de balde en www.cidadedacultura.org ata completar o aforo.

Concerto Galician Connection

O fin de festa volverá ser un concerto de clausura no Museo Centro Gaiás a cargo dos músicos convidados, que interpretarán pezas de cada unha das tradicións culturais que representan e que irán artellando ao longo das tres xornadas de experimentación e colaboración. O Concerto Galician Connection 2013 terá lugar o sábado 20 de abril a partir das 21:00 horas. As entradas xa están á venda no Punto On da Cidade da Cultura a un prezo de 15 euros e no portal www.servinova.com a 15€+gastos de xestión. Tamén será posible retirar a entrada o propio día do concerto na billeteira do Museo Centro Gaiás a un prezo de 18 euros.

Vermú-Connection

Como novidade desta segunda edición, os participantes poderán ser os protagonistas durante a última xornada a través do Vermú-connection, unha especie de jam session na que demostrar non só o talento e os coñecementos adquiridos ao longo das últimas tres xornadas, senón interactuar con outros músicos e establecer sinerxías que poidan desembocar en futuros proxectos musicais. O Vermú-connection terá lugar o domingo 21 de abril ás 13:00 horas no Museo Centro Gaiás e a entrada é libre e de balde para todo aquel que desexe achegarse a gozar da música.

Música & Escena
Santiago de Compostela, 04 de Marzo de 2013