Un Gaiás con moita miga

Tres días dedicados ao pan, aos seus creadores e aos seus consumidores. Isto é Con moita miga, evento que terá lugar os días 26 e 27 de xaneiro de 2014 e que reunirá no Centro de Innovación Cultural da Cidade da Cultura aos maiores expertos no mundo da auga, fariña e levadura.  Previamente, e baixo invitación, o vindeiro xoves 23 de xaneiro terá lugar a Noite branca do pan, na que os profesionais da comunicación coñecerán os obradoiros dalgunhas das zonas de tradición panadeira máis importantes de Galicia.

Para todos os interesados no mundo deste alimento tradicional, Con moita miga organiza o domingo 26 de xaneiro unha xornada aberta –libre e de balde- na que conversar con profesionais do pan como Jorge Guitián, Ibán Yarza, Lourdes Gago Cea, Lucía García Andújar, Xosé Manuel García e José Luis Miño e familia; mostras e degustacións dos pans máis famosos de Galicia; e microtalleres e microcatas. A xornada arrancará ás 10 da mañá e prolongarase ata ás 20 horas con actividades para todos os públicos.

Para poñerlle o broche final a esta festa do pan, o 27 de xaneiro terá lugar unha xornada dedicada a profesionais que inaugurará ás 10 da mañá Guillermo Moscoso Moure. Tras el, Ibán Yarza e José Montero completarán a mañá e, tras a comida, terá lugar unha mesa redonda sobre a actualidade do sector baixo o título Da masa á mesa. A inscrición para esta xornada xa está aberta en www.conmoitamiga.org cun prezo de 25 euros (con xantar incluído).

Para consultar o programa completo podedes acceder ao web www.conmoitamiga.org ou chamar ao teléfono 626281758.

Santiago de Compostela, 17 de Xaneiro de 2014