Novelista, articulista, dramaturgo, poeta, académico… e coleccionista. Ao longo da súa vida, Camilo José Cela gardou todo tipo de obxectos, convertidos a día de hoxe en impresionantes coleccións: 62 ouriñais, 52 pezas de cerámica de Staffordshire, 164 discos de vinilo, 2.643 selos, 223 billetes de lotaría, 300 caixas de mistos, 275 cromos, 45 caixas de latón, 113 bitolas e plumas estilográficas, 3.500 esquelas… Unha inxente cantidade de obxectos que se salvagardan e exhiben na Fundación Camilo José Cela de Iria Flavia e, ata o 19 de febreiro, tamén no Museo Centro Gaiás no marco da exposición Camilo José Cela. O centenario dun Nobel. Un libro e toda a soidade. Ou, cando menos, unha boa representación desta obsesión de Cela polo coleccionismo.
Todas elas curiosas, a que máis lle chama a atención ao visitante da mostra é a colección de botellas asinadas por personalidades da literatura, o cine ou a arte, que Cela foi acumulando durante os anos que viviu en Mallorca. A orixe desta peculiar colección está nunha visita de Ernest Hemingway ao Nobel. Tras dar boa conta dun xantar, Cela sacou unha botella de Jerez na que o escritor norteamericano lle estampou unha dedicatoria de agradecemento. Días despois, Cela amosoulla ao escritor e xornalista Josep Pla, que decidiu seguir o exemplo de Hemingway e asinar tamén a botella de whisky escocés que tomaran tras a comida. Mais isto non supuxo o inicio da colección senón o artigo de Pla titulado Carta de Mallorca. Visita a Camilo José Cela en Palma e publicado o 29 de decembro do 56 no número 1.012 da revista Destino –exposto tamén no Museo Centro Gaiás- e no que aseguraba que Cela posuía unha magnífica colección de botellas asinadas por grandes personalidades da arte. Unha afirmación que levou a Cela a conseguir preto dun cento de botellas con sinaturas de grandes nomes como os escritores Dámaso Alonso ou Vicente Aleixandre, do actor Fernando Fernández-Gómez e a bailaora Micaela Flores Amaya ‘La Chunga’, dos pintores Joan Miró e Picasso, ou de escritores estranxeiros como John dos Passos e Henry Miller.

