Guía da Cidade Imaxinaria Primavera 2018

Vinde festexar a chegada do bo tempo e da posibilidade de gozar dunha divertida tarde en familia e ao aire libre! Agardámosvos este sábado, 21 de abril, na Cidade Imaxinaria Primavera con catro horas ininterrompidas (de 16 a 20 horas) de espectáculos e funcións de malabaristas, trapecistas, equilibristas, saltimbanquis, clowns e moita música, danza, xogos, teatro e fabulosas historias en cada curruncho da Cidade da Cultura de Galicia. Toda unha xornada, de balde, homenaxe ao mundo do circo, que festexa xustamente nesta data o seu Día Internacional, e da que non vos podedes perder nada!Tirade proveito desta guía para que así sexa:

XOGOS E INSTALACIÓNS LÚDICAS FIXAS

  • Escola de saltimbanquis. 16 a 20 h. Todas e todos levamos un saltimbaqui dentro, só é cuestión de sacalo fóra. Como? Vinde a esta escola de Pistacatro, onde descubriredes outras disciplinas circenses e outras vocacións ocultas para o show e o espectáculo, aínda non exploradas.  É a ocasión!
  • Os xogos do Hélder.16 a 20 h. A diversión non é exclusiva da tecnoloxía, senón da vosa capacidade de enxeño, que tedes a moreas! Estes xogos tradicionais centenarios, de orixe lusa, están artellados en dous materiais sinxelos: corda e madeira, que conseguen cativar a xeracións tras xeracións.
  • Teatro sobre rodas. 16 a 20 h. Aparca nesta Cidade Imaxinaria de Primavera unha caravana moi especial onde viaxan monicreques e as historias de princesas que non queren ser rescatadas nin bicadas e de cabaleiros pacifistas, amigos dos dragóns e da cor rosa. Querédelas escoitar, non si?
  • A gran tempestade 16 a 20 h. Gustades das treboadas? Das da Cidade da Cultura seguro que si! Ides vivir a mellor das vosas molladuras. Entrade na nosa burbulla xigante para gozar dunha tempestade multicor de confeti, para a que non ides pedir paraugas e da que non ides desexar saír.

ESCENARIOS

  • Pink Impact.16.30 a 17.15 h, Varieté de espectáculos a toda cor! Este dúo musical pode con todo: música, malabares e moito humor. Se queredes un cóctel da mellor diversión, non o podedes perder! E seguro que non o facedes porque a súa bicicleta e a súa estética van marcarvos o camiño.
  • Todo encaixa. 19.15 a 20 h. Seis corpos sobre o escenario que soben, baixan, bailan, pero sobre todo saltan! A música e emocións desta coreografía vanvos contaxiar e abraiar. Impresionantes os seus espectaculares choutos, voos e torres humanas!
  • Flou Papagaio. 18 a 18.45 h. Gustaríavos presenciar unha pista de circo xiratoria onde os espectáculos, propios de equilibristas, trapecistas e funámbulos, semellasen non rematar nunca? Témola en Cidade Imaxinaria Primavera. Poesía visual circense en estado puro. 

ESPECTÁCULOS ITINERANTES

  • Os Bimborions16 a 16.45 e 18.45 a 19.30 h. Tres orixinais caracois antropomorfos percorrerán todos os recunchos da Cidade da Cultura subidos nas súas veloces bicicletas para pararse con cada un e unha de vós e agasallarvos co seu particular e divertido canto. Nunca escoitastes nada parecido nin máis divertido!
  • O mundo do circo. 16 a 16.30 e 17.15 a 18.15 h. Zancos, pallasos en monociclos, malabares e unha divertida charanga para pórlle non só banda sonora senón atrezzo circense á Cidade Imaxinaria Primavera, porque debemos lembrarvos que o 21 de abril é o Día Internacional do Circo, e contamos con vós para festexalo.

VISITA COMENTADA A GALICIA UNIVERSAL

17.30 a 18.30 h.  Cidade Imaxinaria é unha oportunidade única para gozar en familia do lecer, da diversión e tamén da arte. Aproveitade a xornada para coñecer a exposición que acolle o Museo Centro Gaiás: Galicia Universal. A arte galega nas coleccións de ABANCA e Afundación. Se non queredes perder nada, ás 12.30 e 17.30 horas, contades con visitas comentadas e de balde.

ESPAZOS VERDES E DE LECER DO GAIÁS

Aproveita esta xornada para a descuberta das ladeiras que rodean a Cidade da Cultura, o Bosque de Galicia, un dos pulmóns verdes de Compostela; para descansar no parque do Lago e continuar o percorrido polo Xardín Literario; e coñecer, para outras ocasións, a zona de xogo do Parque da Balea, inspirado nos monstros mariños de Urbano Lugrís.

PESTISCOS E ZONA S DE DESCANSO

E podedes despreocuparvos de cargar coa merenda, xa que contamos con postos de petiscos e tamén de larpeiradas variadas para que descansen e repoñan forzas

COMO VIR Á CIDADE IMAXINARIA PRIMAVERA?

O acceso á Cidade da Cultura poderá facerse en vehículo privado, ata completar os parkings dos que dispón o complexo. Desde a Cidade da Cultura tamén vos convidamos a subir ao Gaiás a pé a través da rede de sendeiros do Bosque de Galicia.

En todo caso, poderase acceder a través das liñas habituais e unha de reforzo de Bus Urbano:

  • Liña 9: Ten saída desde Casas Novas cada 60 minutos entre as 8:30 e ás 13:30.
  • Liña 11: Ao seu paso por Xeneral Pardiñas . De 17.10 a 20.15.
  • Liña de reforzo. Saída desde a Praza de Galicia e desde o Gaiás á Praza de Galicia, De 14 a 21 horas. O último bus desde o Gaiás será ás 21:20 horas.


CIDADE IMAXINARIA VERÁN: 25 DE AGOSTO

Esperamos que gocedes destas catro horas ininterrompidas de circo, maxia, música, teatro e moito humor e diversión, mais sabemos que disto nunca ninguén se cansa, así que lembrade que aínda debedes repoñer forzas e deixar folgos de cara á cita tradicional de Cidade Imaxinaria de verán. Vémonos o 25 de agosto!

Santiago de Compostela, 16 de Abril de 2018