2US e María Salgado póñenlle ritmo e poesía ao Atardecer

Coa volta do sol e o bo tempo, a praza central da Cidade da Cultura volve encherse de música e poesía cos que amenizar as tardes da fin de semana. Volve Atardecer no Gaiás e faino con con dúas novidosas propostas, coma sempre, totalmente de balde.

O xoves, 19 de xullo, subiranse ao escenario 2US, música popular en toda a súa extensión. A partir das 21:00 horas, a Cidade da Cultura soará a música zíngara, folk étnico, swing, cabaret americano, improvisación europea, free rock, música concreta, pop ou funk, estilos todos eles que proxectan nas súas cancións. A música de 2US é para escoitar, sentir e deixarse levar ata as vodas de Bulgaria, as romarías de Galicia, os poboados de África, as praias de Brasil ou os clubs de Chicago. Espontánea e feliz; plural e rueira, pero sempre coa identidade destes instrumentistas de infinito gusto polo diferente.

E tras esta explosión de sons, o venres será o día da palabra grazas á poeta madrileña María Salgado. Esta poeta low-tech vén de publicar o seu primeiro libro de poemas: Ready, unha mestura de arte e poesía que encherá o túnel do Arquivo de Galicia, onde terá lugar o espectáculo. O proxecto e indagación poética desta moza creadora concíbese a partir de tres eixos fundamentais: a crítica, a creación e a activación de espazos de edición, experimentación e intercambio, como Proxecto Contrabando. Unha oportunidade única para gozar da palabra en boa compañía.

A de María Salgado será a última actuación do Atardecer no Gaiás desta semana, xa que o sábado a praza central estará ocupada por skaters, graffiteiros, riders de bmx, bailaríns de break dance e moito máis nunha xornada no que o Gaiás será unha auténtica Cidade en Movemento na que achegarlle a cultura urbana e os deportes de acción a toda a familia.

Música & Escena
Santiago de Compostela, 16 de Xullo de 2012