Vive o Atardecer con Colectivo Oruga, a Orquestra de Cámara Galega e Exson Valdes

Electrónica, clásica e pop danse cita no Atardecer no Gaiás desta semana: os galegos Colectivo Oruga e Orquestra de Cámara Galega e os parisinos Exson Valdes ofrecerán os seus mellores directos nunha actuación en pequeno formato para gozar cos cinco sentidos.

O Atardecer no Gaiás arranca este xoves, 9 de agosto, cos electrónicos, eléctricos, eclécticos, delirantes e deliciosos membros de Colectivo Oruga, un grupo que combina bases electrónicas, guitarras e sintetizadores en amables estridencias sonoras. Chegados deste Ponteareas, os tres membros desta corporación creativa dan cabida ademais da música, ao deseño e ao aspecto audiovisual, peza fundamental que dota ás cancións de novos matices e ambientes enriquecedores. 

E tras a electrónica de Colectivo Oruga, unha actuación “clásica” dos Atardeceres: a Orquestra de Cámara Galega. Tras percorrer os sons de Rusia e de Brasil, os músicos dirixidos por Rogelio Groba explorarán este venres a partir das 21:00 horas as ricas melodías galegas, coa interpretación de pezas de grandes compositores da nosa terra: Montes, Groba, Barja e Gaos.

E a semana pecharase co pop rock dos parisinos Exson Valdes, grupo do máis efervescente e bailable da escena francesa, que recolle a melancolía de Radiohead para envolvela nun halo de euforia que recorda os inicios dos belgas dEUS ou dos británicos Bloc Party. Cancións pop ricas e profundas que entran á primeira a cargo destes catro músicos parisinos que farán da tarde do sábado o mellor momento do día.

Música & Escena
Santiago de Compostela, 06 de Agosto de 2012