GaiásTech

O centro GaiásTech actúa como un espazo para a demostración e experimentación en tecnoloxías avanzadas e de concentración do coñecemento ao servizo da transformación dixital das empresas, das administracións e da sociedade galega. Está ubicado no Centro de Emprendemento da Cidade da Cultura, e á disposición das máis de 3.800 empresas tecnolóxicas de Galicia e das máis de 24.000 persoas profesionais do sector TIC da nosa Comunidade. Ten tamén a función de fomentar as vocacións tecnolóxicas e a promoción e retención do talento dixital en Galicia.

A súa superficie, de máis de 500 metros cadrados, conta cun espazo de inmersión interactivo e coa superficie proxectada, orientado a experiencias de realidade virtual e aumentada. Conta tamén con salas de ideación con equipos interactivos para acoller actividades e desenvolver proxectos.

O centro ofrece servizos como o GaiasTechCloud, para a realización de probas de software na nube, demostracións de solucións tecnolóxicas, reservas de espazos ou o desenvolvemento de xornadas temáticas. Incorpora tamén un servizo de vixilancia tecnolóxica para a identificación de tendencias dixitais. Funciona, así mesmo, como un centro de asesoramento que pon á disposición de industria e do coñecemento espazos para experimentación con equipos de realidades virtual e aumentada.

GaiásTech será un escenario central para a posta en marcha da Estratexia Galicia Dixital 2030, especialmente do seu eixo transversal, que ten o obxectivo de promover a especialización tecnolóxica a través do reforzo das capacidades e infraestruturas dixitais da nosa Comunidade.

O centro e as súas actividades e servizos pódense coñecer a través da plataforma gaiastech.xunta.gal, que centra os seus contidos no impulso do ecosistema dixital galego. Pola súa banda, a plataforma dixiterrae.xunta.gal ofrece á cidadanía información sobre o proceso de transformación dixital e facilita o acceso e o coñecemento sobre os recursos e ferramentas dispoñibles