As claves do éxito? Ser feliz

“O éxito nos negocios como na vida non vén de ser competitivos e despiadados, senón de ser boa persoa”. A segunda xornada do Spin2016 deixounos esta lección de Juan Luis Arsuaga, recoñecido paleontólogo, codirector das excavacións de Atapuerca e premio Príncipe de Asturias de Investigación Científica e Técnica.

Arsuaga dirixiuse aos emprendedores desmontando a que denominou a “utilización” da Teoría da Evolución da Darwin e reivindicou a necesidade de ser feliz. “Ser depredador non garante a supervivencia ou o éxito”, afirmou o paleontólogo e divulgador, quen rexeitou frontalmente defender a competición como instrumento de progreso e mellora. “Non compredes a moto de que competir sen piedade é o camiño. De que só sendo forte triunfarás”, afirmou ante un auditorio repleto de novos emprendedores. “Eu opino todo o contrario. Eu creo que hai que ser boa persoa na vida e nos negocios”. 

Paixón, equipo e talento, claves do éxito

Pola Cidade da Cultura pasaron outros grandes nomes da nosa cultura, gastronomía ou deporte no marco das conferencias programadas no Spin2016. Un dos que levantou máis expectación foi Joan Roca, chef e fundador do Celler de Can Roca, con 3 estrelas Michelin e elixido como mellor restaurante do mundo en 2013 e 2015. Nun repaso pola súa historia, Roca deixou varias claves para os emprendedores: paixón –“xa sexa cociñando un menú de 11€ coa miña nai ou dirixindo un 3 estrelas Michelín”, dixo-, escoitar ao equipo e aproveitar o talento que nos rodea. O maior dos Roca apuntou tamén algúns alicerces básicos do seu éxito como a aposta incondicional pola innovación e a transversalidade: “Se non existe unha máquina, invéntase. E se non, descontextualízase”. E seguir sempre unha máxima: saír da zona de confort para seguir aprendendo e dar ás á creatividade.

Previamente, o Spin2016 contou cunha mesa de cine, protagonizada polo recoñecido José Luis Cuerda e o director de cine colombiano Simón Mesa, gañador da Palma de Ouro á Mellor Curtametraxe no Festival de Cannes 2014 por ‘Leidi’. Nun diálogo moderado pola produtora Emma Lustres, de Vaca Films, Cuerda reivindicou a “necesidade de facer cine, aos 30 e ao 60”. Unha paixón compartida por Simón Mesa que dixo concibir o emprendemento como a necesidade de retarse a un mesmo. 

Emprender a partir das adversidades ou do fracaso

Proxectos inspiradores foron tamén protagonistas nesta segunda xornada do Spin2016, onde cabe destacar o proxecto de Luz Rello. Lingüista, emprendedora e investigadora, Luz fixo da necesidade virtude, poñendo en marcha o maior estudo do mundo sobre dislexia, un trastorno que ela mesma padece. 

A dislexia, que se manifesta na dificultade para aprender a ler e escribir con fluidez, afecta ao redor do 10% da poboación, uns 700 millóns de persoas no mundo. E o seu maior problema é a dificultade para detectalo, creando grandes problemas de aprendizaxe e autoestima nas persoas afectadas.  A través de ferramentas de tecnoloxía artificial de vangarda, Luz Rello puxo en marcha a app Dytective, que suporá un grande avance na detección precoz da dislexia. “O meu obxectivo é que a dislexia deixe de ser un trastorno oculto. Que sexa máis sinxelo de detectar”, asegurou esta emprendedora e recente premio Princesa de Girona Social 2016. Conectar esta app con redes sociais populares como Facebook e facer que chegue a todo o mundo por igual, os seguintes retos desta muller emprendedora.

Outro caso de superación é do de Leticia Gasca, que convertiu o fracaso nunha ferramenta de éxito. Fundadora do movemento global FuckupNights, Leticia reivindicou o fracaso como un método de aprendizaxe e superación. “Se hoxe se montaran 10 negocios, só un existiría dentro dunha década. Así que, non se desanimen. Case ninguén logrou un negocio exitoso ao primeiro intento”, asegurou. Esta filosofía levou a Gasca a poñer en marcha o Instituto do Fracaso, que analiza os erros máis comúns á hora de emprender fallidamente: “Hai riscos que se poden previr”.

Finalistas do Spin2016

E xa temos finalistas do Spin2016. A segunda xornada do maior evento de emprendemento universitario de Iberoamérica deixounos os nomes das 15 startups que mañá competirán na final do Model2Market –modalidade na que se valoran as mellores ideas de negocio- para facerse con algún dos premios valorados en 100.000 euros. GenDR e Lacteal, spin-off nadas na USC, son os dous proxectos galegos que estarán na final, tras ser seleccionadas entre as 464 candidaturas de 12 países diferentes recibidas nesta edición do Spin.

Ademais, o segundo día do Spin2016 supuxo a apertura do foro de investimento SmartMoney4Stars, no que os proxectos emprendedores seleccionados teñen a oportunidade de entrar en contacto co medio centenar de investidores presentes no evento. 

 

 

Santiago de Compostela, 30 de Setembro de 2016