Brevidade para sobrevivir

A arte do breve, da síntese, das pílulas de sabedoría vai máis alá do campo da creación. Áreas como a socioloxía e a neurociencia tamén teñen moito que dicir á hora de transmitir pensamento condensado, tal e como puido comprobarse esta fin de semana nas dúas novas sesións de Laboratorio de Pensamento Breve.

“O pensamento breve pode ser unha arma contra as patoloxías do baleiro”. Esta foi unha das reflexións deixadas o venres por Amador Fernández-Savater, encargado de abrir a dobre sesión desta fin de semana. Baixo o título ‘Unha nova claridade: pensar (n)a dispersión’, Fernández-Savater reflexionou sobre o papel do pensamento nun mundo rexido polo Mercado e, polo tanto, pola dispersión, erixíndoo como recurso fundamental para orientarnos. “Pidamos tan só unha pouca de orde para protexernos do caos”, asegurou.

Xa o sábado, Laboratorio adentrouse no campo da Neurociencia a través de Xurxo Mariño, quen mostrou como a mente consciente xorde da masa neuronal e de que xeito ese conxunto físico o que crea é unha invención que é útil para sobrevivir. "A realidade é máis virtual do que poida parecer, mentres que a mente é moito máis física do que tamén poidamos pensar", asegurou este recoñecido biólogo. Cunha ponencia titulada 'Gastronomía da mente dixital. Engordan as tapas de información?', Mariño respondeuse a si mesmo, asegurando que estas “tapas” como os haikus ou os tweets poden engordarlle máis ao cociñeiro que as prepara que ao consumidor que as degusta, dependendo da súa disposición a querer dixerir.

Laboratorio de Pensamento Breve chegará esta fin de semana á súa fin da man de Ignacio Castro, que abordará a importancia da brevidade dende o campo da Metafísica; e deJoxerra Garzía e a cultura popular.

Letras & Pensamento
Santiago de Compostela, 21 de Novembro de 2011