Dous proxectos do Gaiás, finalistas nos Premios de Arquitectura de Galicia

Dous proxectos da Cidade da Cultura —a segunda fase do Bosque de Galicia e a exposición Da árbore á cadeira— figuran como finalistas da XVIII edición dos Premios COAG de Arquitectura, do Colexio de Arquitectos de Galicia, que contou coa candidatura de 155 propostas visadas, executadas e finalizadas entre o 31 de xullo do 2016 e o 31 de xullo do 2018. Estes prestixiosos  galardóns recoñecen a arquitectura máis destacada do momento na nosa comunidade.

SEGUNDA FASE DO BOSQUE DE GALICIA

A segunda fase do Bosque de Galicia está finalista no apartado de "Deseño urbano, planeamento e paisaxe". O proxecto está fimardo por Alberto Redondo Porto, José Valladares Durán e Marcial Rodríguez Rodríguez (RVR Arquitectos).

O traballo consistiu no acondicionamento da zona suroeste do monte Gaiás, en Santiago de Compostela, entre os edificios situados ao oeste da Cidade da Cultura (Museo Centro Gaiás e Torres Hejduk) e a avenida Diego Bernal, que a separa das Brañas de Sar. A actuación comprende unha superficie aproximada de 9,9 hectáreas, que se suman ás 20,8 Ha acondicionadas na primeira fase.

O proxecto incluíu o tratamento da vexetación existente e a plantación de 4.700 bidueiros e carballos, a creación dunha rede de sendeiros peonís de 2.000 m de lonxitude e a realización dunha serie de actuacións que supuxeron: a creación dunha nova entrada que conecta coa Calzada de Sar, a construción de elementos para a drenaxe das augas pluviais, a creación de áreas de descanso e dunha terraza miradoiro, a construción de escaleiras que complementan os percorridos dos camiños e a realización dunha instalación de iluminación.

DA ÁRBORE Á CADEIRA

No apartado de "Arquitecturas efémeras e de baixo custo" dos premios de Arquitectura de Galicia está a exposición  Da árbore á cadeira, obra de José Carlos Seoane González, e que puido verse no Museo Centro Gaiás do 7 de abril ao 5 de novembro de 2017.

A exposición foi promovida pola Fundación Compostela Arquitectura para exhibirse na Cidade da Cultura de Galicia. O motivo desta exposición foi dar a coñecer o deseño do moble galego e os bosques milenarios de Galicia. O deseño da exposición resolveuse en dúas plantas do Museo Centro Gaiás. No primeiro andar de chegada -969 m2- os protagonistas foron os bosques galegos baixo a ollada de fotógrafos como Manuel Vilariño, Vari Caramés, Xosé Caruncho, Juan de la Sota ou Juan Rodríguez; grandes artistas plásticos como Castelao, Seoane, Maside e figuras contemporáneas como Pamen Pereira ou Jorge Perianes. No segundo andar -1.185m2- a exposición ofreceu unha viaxe polo deseño desde os pioneiros (Isaac Díaz Pardo, Alejandro e Jesús de la Sota e Xosé Bar Bóo) até os contemporáneos, entre os que se atoparon moitos dos grandes arquitectos e deseñadores galegos, como Manuel Gallego Jorreto, Irisarri e Piñera, Noguerol e Díaz, Iago Seara, Carlos Quintás, Creus e Carrasco, Tomás Alonso, Elías Cueto, Lucía Buceta ou Iñaki Leite.

 

ENTREGA DE PREMIOS: 29 DE MARZO

Para facer públicos estes prestixiosos galardóns da arquitectura galega máis destacada do momento, o Colexio de Arquitectos de Galicia celebrará unha gala de entrega de premios o vindeiro 29 de marzo no Teatro Jofre de Ferrol, ás 20 horas.

Santiago de Compostela, 18 de Marzo de 2019