Pelle Carlberg e Hayvanlar Alemi, pop e fusión na Cidade da Cultura

Este fin de semana, non hai escusa para se aburrir. Na Cidade da Cultura temos un calendario de non parar: Yolanda Castaño, Chelicia, Pelle Carlberg e os turcos Hayvanlar Alemi serán algúns dos artistas que pasarán polo Gaiás. E ademais, Luz Casal estará na Praza da Quintana nun concerto organizado pola Cidade da Cultura de Galicia. Ide anotando na axenda!

Comezamos hoxe, xoves, co espectáculo a cargo de Yolanda Castaño e o compositor Isaac Garabatos, que poñerán música e poesía ao lusco e fusco no ciclo Atardecer no Gaiás. Será a partir das 21.00 h na praza da Cidade da Cultura.

Tamén en Atardecer no Gaiás teremos a Pelle Carlberg. Admirador confeso de Belle&Sebastian, o compositor sueco achegará o venres 22 (21.00h) á Cidade da Cultura o seu pop optimista e luminoso.

E se o prefires, noutro escenario único, a Praza da Quintana, poderás gozar do directo dunha das nosas artistas máis recoñecidas, Luz Casal, que no seu último disco, La Pasión, rende homenaxe ao bolero con clásicos como Historia dun Amor ou Sombras. As entradas están á venda en servinova.com

E o sábado, ás 21.00 h, a música clásica toma a praza da Cidade da Cultura co delicado repertorio para violonchello de Chelicia.

O domingo, ás 22.00 h, a cita é na sala de columnas da Biblioteca de Galicia cos turcos Hayvanlar Alemi, que inauguran o ciclo de arte sonora Ruído de Fondo coa súa divertida amálgama de psicodelia, rock instrumental, post-punk dos anos oitenta, folks, retro-rock camboxano, mor lam tailandés electrificado, música para guitarra do Sahara, e sons do mundo do surf. Alguén da máis? Podes facerte coa túa entrada, a un módico prezo de cinco euros máis gastos de xestión en servinova.com

Esperámosvos!

Música & Escena
Santiago de Compostela, 21 de Xullo de 2011