A sabedoría popular atribúe a abril as augas mil. No caso da Biblioteca de Galicia, na Cidade da Cultura, non serán tantas as actividades, que ademais realizaredes ao enxoito, pero si que son unha boa morea delas —sempre de balde previa inscrición— ao longo dun mes, moi marcado polas efemérides que se recollen no Calendario do Libro e da Lectura.
Precisamente, as actividades arrancan o luns, 2 de abril, coa celebración do Día Internacional do Libro Infantil. E para conmemorar tan importante data, xa que os novos lectores son os que marcan o futuro dunha Biblioteca, a de Galicia agasalla cun libro a todas e todos aqueles que vos acheguedes ese día polas súas instalacións. O horario é de 9 a 21 horas, así que non hai desculpa para quedarvos sen el.
As celebracións desta data tamén se extenderán á fin de semana e dun xeito ben doce e larpeiro: cun Obradoiro de poesía con cocholate (8 de abril). Unha actividade familiar moi gozosa para saborear a dozura da poesía, collerlle o gusto, explorala, captar o seu ritmo e tentar comprender o seu saber, ao tempo que degustaredes o sabor dos diferentes chocolates cos que compaxinaredes distintos poemas.
No entanto, un día antes, o 7 de abril, a Biblioteca de Galicia adiantará outra celebración ben destacada no Calendario do libro e da lectura como é o Día Mundial do Teatro para a que ten preparada o espectáculo Fíos, de Baobab Teatro. Unha peza teatral para toda a familia na que os personaxes non vos deixarán indiferentes porque aparecen para deixar mensaxes, sentimentos ou reflexións. Así, coñeceredes a Lobo, un animal tenro que só quere namorar; a Dona Margarita que viaxará nun globo en busca dos seus pensamentos; e a Titoque descubrirá que quere ser de maior.
Unha semana despois, para conmemorar o centenario do nacemento da escritora galega Pura Vázquez, a Biblioteca de Galicia organizaravos o 15 de abril unha sesión de Aventuras Literarias, baseadas na obra desta insigne escritora. Neste obradoiro interactivo de Xandobela, dirixido a cativada da casa a partir do 6 anos, traballarase con varios dos seus textos, centrándose principalmente na súa obra infantil e nas obras de teatro que fixo conxuntamente coa súa irmá Dora.
O 21 de abril é a data escollida pola Biblioteca de Galicia para festexar o Día das Artes Galegas. Ese día a Biblioteca de Galicia ten preprado un obradoiro con OQO editora: Árbores pouco árbores. Nesta actividade, dirixido á cativada entre 8 e 12 anos de idade, os vosos pequenos e pequenas farán propostas plásticas colectivas con materias reciclados e naturais (pedaras, paus, follas e madeiras) que se atoparán no mesmo espazo de traballo.
No obradoiro empregarase a técnica de ensamblaxe (assemblage) que se define como a creación escultórica, a partir da unión de materiais e de obxectos non artísticos. Deste xeito, a vosa cativada achegarase a artistas que empregan esta técnica como Picasso, Lousse Nevelson ou Jean Dubuffet, entre outros.
O final de abril acolle unha das datas máis salientables do mes: o Día Internacional do Libro, o 23 de abril. Unha efeméride que a Biblioteca de Galicia quere festexar con vós, agasallándovos un libro a todos e todas as que vos acheguedes ese día as súas instalacións.
Para despedir este mes tan completo en actividades, a Biblioteca de Galicia tenvos argallado o 28 de abril para os vosos cativos un obradoiro interactivo, dirixido a nenos e nenas de entre 6 e 8 anos: O dedo máxico. Neste obradoiro, OQO editora tira proveito da súa Biblioteca OQO Dixital, chea de historias contadas a través da literatura, a plástica, a narración oral e o cinema. Deste xeito, un dedo (e moito maxín, claro!) será o unico que necesitará o voso pequeno ou pequena para facer que os elementos dunha historia estean ou no presentes, un divertido e multidisciplinar xeito de crear.
Lembrade que todas estas actividades organizadas pola Biblioteca de Galicia son de balde, só tedes que facer a inscrición en cada un dos obradoiros na nosa páxina web: www.cidadedacultura.gal
