Un percorrido entre arte e natureza no monte Gaiás

O Bosque de Galicia eríxese nas ladeiras do monte Gaiás con preto de 12 mil árbores autóctonas. Carballos, espiños, pradairos, abeleiras, érbedos, freixos, ou faias que, cando o outono asoma, se converten nunha paraxe ideal para pasear devagar coa Cidade da Cultura ao fondo. Unha paisaxe que invita a confeccionar espazos nos que a arte dialoga coa natureza. O monte Gaiás esconde nos seu sendeiros diversas instalacións que potencian a integración entre natureza e arquitectura nas que as persoas visitantes poden interactuar coas pezas e formar parte, ao fin e ao cabo, da obra.

Agochada nos sendeiros do monte encóntrase O prisma dos sentidos, de Acisclo Manzano. Unha sorte de capela, un refuxio, que se se abre á natureza e dialoga na distancia coa cidade de Compostela. O escultor Acisclo Manzano creou esta obra composta por varias capas perforadas grafiadas con estrelas, ondas e rostros nos que se filtra a luz, formando xogos evocadores e multisensoriais coa auga da choiva e o vento, ofrecendo unha experiencia única e íntima no medio da natureza.

Se continuamos o noso percorrido entre as árbores, poderemos encontrarnos os Zapatos no Camiño, de Francisco Leiro. Integrados de cheo na paisaxe. Elaborados con granito, formigón e ferro estas botas de peregrino simbolizan o esforzo e a vontade do camiño percorrido coa ollada posta no destino final: Compostela. A cidade encontra unha nova perspectiva dende o cumio do monte. A través da obra Espellos, de Manolo Paz, sorprendémonos cunhas fiestras de pedra para observar a capital galega dende unha ollada diferente. 

Chegando á Cidade da Cultura, atopamos as obras do ciclo Reb/veladas na paisaxeun ciclo de intervencións artísticas para potenciar a creación contemporánea que vincule a natureza, a cidade de Compostela e as rutas compostelás. No Xardín Literario, moi preto da praza central, sitúanse as dúas creacións das que estamos a falar: Deixa aquí os teus medos de Alicia Framis e Metáforas: pegadas dun percorrido, de Alexandra R. Rey e Thomas Apostolou.

Framis tráenos unha peza para poñernos fronte a fronte cos nosos medos. As persoas visitantes poden interacturar directamente coa peza deixando un papel escrito no seu interior ou, simplemente, reflexionando sobre os seus temores, que activa o funcionamento da obra. Uns metros máis aló, as esculturas de Rey e Apostolou constitúen un testemuño físico da súa experiencia percorrendo as cinco rutas xacobeas. Os dous artistas rexistraron directamente sobre o bronce puntos de contacto coa contorna, dando como resultado unhas esculturas que semellan mapas topográficos.Na cima do monte tamén nos atopamos co Banco do Peregrino, unha instalación realizada a partir da obra Constelacións II da artista Clara Montoya, situada na cima do Bosque de Galicia, nunha localización cunha ampla vista sobre a Santiago.

Baixando ao auditorio do Xardín do Teatro, encontrarémonos o primeiro mapa científico de Galicia, elaborado polo xeógrafo Domingo Fontán, que da nome ao edificio no que se encontra. Así mismo, e xa adentrándonos nos edificios que conforman a Cidade da Cultura, podemos acudir ao Museo Centro Gaiás. No vestíbulo recibiranos un dos murais dun dos grandes nomes das nosas artes: Urbano Lugrís. Titulado Translación do corpo do Apóstolo a Santiago, esta obra de temática xacobea foi realizada por Lugrís para un sanatorio de Compostela, arredor de 1957, coincidindo coa súa época de maior esplendor artístico. Na planta baixa do Museo, está tamén nunha exhibición permanente unha das poucas testemuñas que se conservan en Galicia da produción muralística de Luís Seoane, un dos grandes renovadores da arte galega do século XX. 

Mapa do percorrido

Santiago de Compostela, 27 de Setembro de 2024