De deseñar sobre o corpo a vestir o aire: o «Téxtil suspendido» de María Barros

«Téxtil suspendido é, en realidade, resultado da miña propia traxectoria e evolución como artista». Conta a deseñadora María Barros, beneficiaria dunha das catro axudas REGA 2024 á creación artística da Cidade da Cultura. Desde sempre, a súa idea da moda está ligada á expresión artística. Desde a concepción das pezas ata á hora de plasmar as coleccións, ten apostado pola colaboración con artistas e tamén por levar as prendas a museos e galerías de arte, ademais da pasarela. «E chegado un momento tiven a necesidade de trasladar os volumes, o moulage, que é a miña especialidade, a outros soportes. Entón empecei co lenzo».

María Barros traballando no espazo REGA do GaiásNo moulage, a confección da prenda realízase directamente sobre o manequín ou o corpo do modelo, prestando especial atención aos tecidos e ás súas propiedades. Polas súas propias características, esta técnica emprégase especialmente na alta costura. Neste primeiro salto do manequín ao lenzo, Barros experimentou a partir do retor co que facía as mostras e prototipos, tratando o tecido de algodón con materiais plásticos, resinas, pastas, amidóns, etc. «Os resultados gustábanme porque me axudaban a crear outro tipo de volumes», explica. Logo, o seguinte paso foi pintalo con acrílico, de maneira que o que se aprecia como debuxo no lenzo son realmente os efectos que crean os volumes da tea.

Agora, durante a súa residencia artística no Gaiás, o reto que enfronta é o de traballar sen soporte fixo, «nin corpo, nin manequín nin lenzo», para conseguir crear unha serie de figuras escultóricas colgantes, tridimensionais e con movemento. Podería dicirse que Téxtil suspendido vén sendo un pouco como vestir o aire.

Tecido e estrutura

Detalles do traballo de María Barros

O proxecto ten dúas partes: a investigación e traballo cos tecidos, o ámbito no que María Barros ten máis experiencia como deseñadora, e outra de definición e construción da estrutura sobre a que se crearía cada peza, que supón saír da súa zona de confort. Polas proporcións, o traballo coa xeometría, o uso de cartón e malla metálica en lugar dos habituais papeis para o deseño de patróns, dar cunha estrutura axeitada non foi sinxelo. Neste proceso, o apoio e suxestións da escultora Mercedes Vicente, mentora de María Barros durante a súa estadía no Gaiás, levárona a probar con diferentes tipos de espirais, de varios eixos, ata dar coa que, parece ser, a fórmula axeitada. 

A finais de novembro poderemos ver estes téxtiles suspendidos na Cidade da Cultura, e tamén un libro-obxecto (con versión dixital) no que María Barros compartirá de maneira pública todos os procesos de ensaio-error e os resultados da súa residencia.

Sobre María Barros

Graduada en deseño de moda no Instituto Europeo di Design di Milán cunha tese dirixida por Franca Sozzani, directora de Vogue Italia, a coruñesa María Barros completou a súa formación con estudos en xestión de proxectos culturais e artísticos (EOI), texidos intelixentes, tecnoloxía téxtil e o Grao en Artes que cursa actualmente na Universitat Oberta de Catalunya. Desde o 2003 traballa como deseñadora freelance e crea tamén a súa propia marca de roupa. Ademais, traballou para as firmas de Carolina Herrera, Roberto Cavalli, Pupi Solari ou Modesto Lomba. Desde 2012 forma parte da Asociación de Creadores de Moda de España, ACME.

Santiago de Compostela, 07 de Outubro de 2024