Guía completa para gozar de Cidade Imaxinaria 2016

Teatriños ambulantes, trapecistas, acróbatas, escola de circo, dragóns de trapo, músicos, xogos de enxeño e macroxinacanas, postos de larpeiradas e, por suposto, globos e narices de pallaso para todos! Cidade Imaxinaria celebra este sábado, 20 de agosto, a súa sexta edición cun programa pensado para que grandes e pequenos gocen ao grande. Aquí vos ofrecemos algunhas claves para que non perdades absolutamente nada.

Xogos: durante toda a xornada

A praza central acollerá durante todo o día -de 11 a 20:30 horas- varias plataformas de xogos nos que tanto pequenos como adultos terán que agudizar o enxeño. No Garabato de bicicletas xogaremos con diferentes bambáns elaborados con estes vehículos a dúas rodas, con Trans Ludo Express crearemos a nosa propia rede ferroviaria, e demostraremos o noso enxeño ao superar as difíciles probas do Corazón xigante e da Berdinguette. Ademais, os máis pequenos –de 1 a 6 anos- terán o seu propio espazo: o Illote dos Cativos, con máis de 20 xogos tradicionais e insólitos cos que espertar a súa imaxinación e creatividade. Os amantes de superar retos e probas terán a oportunidade de xogar na Xincana Con-fío en Galicia, na que descubrir a importancia da historia do téxtil en Galicia superando as diferentes etapas que se sucederán no Xardín Literario.

Espectáculos itinerantes

A cor, a música e a diversión non faltarán nesta nova edición de Cidade Imaxinaria grazas, entre outros, aos espectáculos itinerantes. Pete & Pat devolveranos ao mundo do cine mudo co seu piano-bicleta que en cada parada se converte nun pequeno teatriño. Atentos porque haberá dúas: 16:00 horas e 18:00 hoas. Escacharemos coa risa cos Traps, uns simpáticos dragóns confeccionados con centos de teas, que poderemos ver en dous pases: 12:45 e 17:00 horas. Bailaremos ao ritmo dos Bregadiers, que coa súa música animarán a praza central ás 11 e ás 14:00 horas. Ademais, Cidade Imaxinaria achegarase aos aromas, cores e ritmos de Oriente con Bangaluru. Encabezado por Airavata, unha elefanta sagrada, celebraremos a festa das cores, que inundará a atmosfera de música e sons. Mahant, domador e mestre de cerimonias, dirixirá o espectáculo e ao seu redor os Mandharas deleitarannos coas súas danzas, equilibrios e acrobacias en zancos. Será ás 11:45 e ás 19:45 horas.

Escenario principal

A praza central contará, de novo, cun escenario principal, que acollerá varios espectáculos que nos introducirán no mundo do circo. Ás 11:30 e ás 13:45 poderemos gozar das habilidades no trapecio das irmás Bambalas. Os equilibrios do Cabaret Elegance serán ás 12:15 e ás 16:15 horas.  Da man dunha tripulación moi especial viaxaremos ao pasado con Oopart ás 13:00 e ás 17:15 horas. E gozaremos cos malabares e acrobacias de Impreuna nun pase único que terá lugar ás 18:30 horas.

Obradoiro, visitas e espectáculo final

Ademais, Cidade Imaxinaria contará cunha escola de Circo en Familia na que converterse no rei da pista durante todo o día. E para os que queiran aproveitar para coñecer a exposición Con-fío Galicia no Museo Centro Gaiás, recordarlle que teñen dúas visitas guiadas de balde: ás 12:30 e ás 18:30 horas. O fin de festa chegará ás 20:15 cun Flashmob dance ao máis puro estilo Bollywood, no que da man de Martha Franco e as súas bailarinas aprenderemos uns sinxelos pasos cos que realizar unha coreografía colectiva.

Comida e postos de restauración

Para aqueles que queiran gozar de Cidade Imaxinaria durante todo o día, ao mediodía disporán de varias opcións. Así, a Cantina do Gaiás disporá de menú do día, servizo de restaurante cunha carta reducida e posto de hamburguesas. Ademais, na praza próxima ao Parque da Balea instalaranse varios foodtrucks como La Suprem de Torre de Núñez con bocatas e perritos; ou El Quiosco de Montserrat con perritos, minihamburguesas, pizza, faxiñas de polo e doces. E, por suposto, haberá postos de lambetadas como flocos de millo, xeados ou o carriño de doces de Pecados de Compostela. Ademais, Cidade Imaxinaria pode ser un bo día para estrear o merendeiro instalado no Parque do Lago.

Servizo de buses

O acceso á Cidade da Cultura poderá facerse en vehículo privado, ata completar os 6 parkings dos que dispón o complexo. Desde a Cidade da Cultura tamén convidamos a subir ao Gaiás a pé a través da rede de sendeiros do Bosque de Galicia. Ademais, poderase acceder a través da liña 9 do bus urbano, con horario especial. O servizo de mañá terá saída desde Casas Novas cada 60 minutos entre as 8:30 e ás 13:30. O de tarde sairá desde a mesma Praza de Galicia cada 40 minutos entre as 14:20 e as 21:00 horas. O último bus desde o Gaiás será ás 21:20 horas.

En familia
Santiago de Compostela, 19 de Agosto de 2016
Cidade Imaxinaria 2016